Anúncianse investimentos millonarios na cidade que non se van poder executar o vindeiro ano: ou non teñen proxectos desenvolvidos, ou dependen de acordos políticos sen pechar
O compromiso do PP coa Coruña, un ano máis, queda no propagandístico: recicla compromisos incumpridos e abandona proxectos coma o Ecobarrio de Elviña e os patios cubertos prometidos en 2006 a media ducia de centros de ensino
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, tras estudar o proxecto de Orzamentos da Xunta para o ano 2022, critica que Alberto Núñez Feijóo “non presentou unhas contas autonómicas, preséntanos un programa electoral para 2023, que non ten trazas ningunhas de cumprir”. Así, anúncianse investimentos millonarios que non se van poder executar o vindeiro ano, ben porque son obras que carecen de proxectos e tramitación, coma a ampliación do CHUAC, ou ben porque dependen de acordos políticos que aínda non se produciron, coma é o caso da compra de terreos no porto.
No caso concreto dos bordo litoral da Coruña, o maior reto urbano dos vindeiros anos, a Xunta reserva unha partida de 1,7 millóns, teoricamente reservada para mercar uns terreos que xa son públicos en base a unha taxación que ninguén coñece, pero que chega a ser tres veces superior á fixada polo Estado.
“Feijóo e o PP fan trampa, como adoitan, e enchen o borrador orzamentario de números que saben que non van poder cumprir. Non están pensando na cidade, están pensando na campaña das municipais de 2023”, resume María García. En todo caso, a suposta choiva de millóns correspóndese con promesas que levan anos repetíndose, pero nunca se fan realidade. Por exemplo o centro de saúde en Santa Lucía, que non ten aínda nin proxecto redactado, o que fai imposible que as obras comecen neste mandato. Ou a estación Intermodal, que segue sen avances e que ten só 4 millóns consignados neste exercicio, fronte aos 10,4 millóns previstos para 2021 (e que non se executaron). Seguimos coa Cidade das TIC (que nin sequera ten partida específica), por citar os casos máis chamativos.
En todo caso, tras dous anos e medio desde o cambio de mandato nos concellos, caducou unha das escusa favoritas do Partido Popular. Queda demostrado que a falta de investimentos da Xunta na Coruña non era responsabilidade do goberno da Marea Atlántica. Só é que a cidade non lle interesa a Feijóo máis que como branco da súa propaganda.
O xogo dos espellos: Xuxán e a lei de acompañamento
As trampas son moi evidentes no caso da construción de 40 vivendas públicas en Xuxán, para a que se anuncian 8,4 millóns. Pero as previsións de Xestur, o organismo autonómico de xestión do solo, son ingresar 20 millóns de euros coa súa venda. É dicir, pénsase en negocio, non en políticas públicas. En xeral, os fondos destinados a defender o dereito á vivenda e a rehabilitación de inmobles son manifestamente escasos para as necesidades actuais.
Como exemplo, o plan Rexurbe só destina 1,7 millóns para a adquisición de inmobles, partida claramente insuficiente nunha cidade con máis de 20.000 vivendas baleiras. E resulta significativa a mención ao precio do alugueiro como ‘dato estadístico’, como unha das principiais liñas estratéxicas en materia de vivenda, sen ningunha intención de regulalo. Ningún avance real nun momento de crise no acceso a vivenda como o que estamos a vivir.
Tras o fume electoralista está tamén a xa clásica Lei de Acompañamento, que Feijóo emprega para saltarse o procedemento lexislativo e que neste proxecto para 2022 inclúe nada menos que 29 disposicións, modificando leis pola porta de atrás.
As promesas desaparecidas
Non existen, en ningún caso, novos investimentos para A Coruña, e bótanse en falta algunhas vellas promesas cuxa falsidade xa nin se disimula:
- Escaso investimento nos centros de ensino. Os colexios Labaca, Ramón de la Sagra, Curros Enríquez, Manuel Murguía e Zalaeta seguen agardando que se cumpra o convenio para dotalos de patios cubertos, asinado en 2006.
- Pese ás necesidades derivadas da pandemia, redúcese o investimento en Atención Primaria. Afóndase na carencia de persoal e medios nos centros de saúde, que xa temos denunciado.
- O Ecobarrio de Elviña, unha das grandes promesas da excandidata á alcaldía e exconselleira Beatriz Mato, non ten nin un euro nas contas.
- O albergue de peregrinos para fomentar o Camiño Inglés, outra gran promesa de 2019, fica tamén desaparecido.
Inxustiza fiscal
Doutra banda, é preocupante a aposta de Feijóo pola rebaixa de impostos ao “estilo Ayuso”. Por diante, anuncia unha redución do IRPF, con criterios supostamente redistributivos. E por detrás, agocha rebaixas dos impostos de Patrimonio e Transmisións, que só afectan a quen teña máis de 700.0000 euros de patrimonio. En resumo, reducións tributarias para os máis ricos, mentres se afonda no abandono da Sanidade, a Educación e os servizos sociais xusto cando máis precisan máis recursos.