Saltar ao contido

Cara o 8 de marzo, Día da Muller, rexistramos unha moción pedindo que o goberno de Inés Rey cumpra os acordos en materia de igualdade e feminismo

“A crise de coidados que está a poñer de manifesto a pandemia recae sobre o lombo das mulleres. É hora de mudar iso e poñer en valor que sen coidados non hai vida”, di Silvia Cameán

O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou unha moción en apoio ás mobilizacións que os movementos feministas convocan para o vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller, na que reclamamos que o Concello da Coruña dedique, como mínimo, o 1% do seu orzamento a políticas de igualdade de xénero, e que o goberno de Inés Rey respecte as numerosas mocións e acordos en materia de igualdade e coidados. 

A concelleira Silvia Cameán sinala que “se algo puxo de manifesto a pandemia é a importancia de atender as necesidades das persoas como sostén da vida, un traballo que está a recaer sobre o lombo das mulleres, de aí o lema escollido para este 8M: Sen coidados non hai vida”. 

Para Cameán, “recuperar os enormes recortes en sanidade, educación e benestar social debe ser unha prioridade, para non volver saír desta crise máis febles como sociedade. E neste proceso ten que incluírse a dignificación dos coidados, que carecen de políticas públicas para elaborar unha resposta real”. 

Así, a nosa moción tamén reclama a creación dunha Oficina de Atención Psicolóxica nos centros cívicos, destinada a apoiar ás persoas coidadoras, en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía, como están a facer outros concellos da área. 

O texto, que agardamos que reciba o apoio maioritario do Pleno, tamén lle reclama á Xunta de Galicia que dote ás entidades locais de máis fondos para políticas de igualdade, e que dea marcha atrás nos recortes en atención á dependencia. E ao goberno do Estado que incremente os recursos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e que modifique a Lei de Violencia de Xénero para ampliar os supostos que cubre, cumprindo o  Convenio de Estambul. 

 

Os incumprimentos acumúlanse

Coa chegada do goberno de Inés Rey a María Pita, desapareceu a Concellería de Igualdade creada no mandato da Marea Atlántica, para darlle relevancia ás políticas para que homes e mulleres teñan os mesmos dereitos, as mesmas obrigas e as mesmas oportunidades en calquera orde da vida. Desde entón, o único resultado é que non paran de acumularse incumprimentos. 

É o caso da creación da Casa das Mulleres Marcela e Elisa na Cidade Vella, para centralizar todos os servizos relacionados coa igualdade ou da da reactivación da Escola de Empoderamento Feminista, ambas medidas con fondos no Orzamento froito do pacto entre a Marea Atlántica e o PSOE para aprobalas. Desapareceu, igualmente, a formación de xénero dentro do Programa Coruña Educa, dirixido ao alumnado de primaria e secundaria. 

Tamén quedou esquecida a creación do Observatorio de Igualdade na Coruña, desaproveitando 432.000 euros de fondos europeos FEDER conseguidos pola Marea Atlántica. E, en materia de conciliación segue pendente o novo contrato do Servizo de Axuda a Domicilio e o impulso dun programa de lavandería para persoas maiores. 

Do mesmo xeito, a Ordenanza de Igualdade, aprobada neste mandato pero elaborada no anterior, incúmprese de xeito sistemático, como xa temos denunciado. Está moi claro que a Igualdade non é prioritaria para o goberno de Inés Rey.

Solicitamos que o Concello da Coruña dedique un mínimo do 1% do seu orzamento a políticas de igualdade de xénero