Alberto Lema: “Se non executamos o Orzamento e devolvemos servizos públicos a cambio de impostos, estamos a contribuír ao desprestixio das institucións nun momento de urxencia”
A proposta orzamentaria foi a Pleno sen diálogo de ningún tipo, sen recoller sequera propostas dos grupos que facilitaron a investidura do presidente
A Marea Atlántica deulle hoxe o seu voto favorable aos Orzamentos 2021 da Deputación da Coruña para non restar recursos públicos nun momento de grave crise social, sanitaria e económica. Pero o noso apoio chega desde un punto de vista crítico coa nula negociación por parte do goberno bipartito de PSOE e BNG, e coa baixa execución das contas de anos anteriores, que lastra o traballo do organismo provincial.
En palabras do noso portavoz, Alberto Lema, “se na práctica non executamos o orzamento e devolvemos servizos públicos a cambio de impostos estamos a rachar o contrato social e contribuíndo ao desprestixio das institucións deixando é que a cidadanía queda sen investimentos que mellorarian o seu presente e o seu futuro”.
Lema sinalou que o grao de execución do Orzamento de 2020, que aínda tivo hoxe o seu último modificativo, é de pouco máis do 30%. “Débese en parte á lentitude da tramitación dos recursos transferidos aos concellos, pero a propia Deputación é incapaz de cumprir cos programas que executa directamente, como o de Vías e Obras. Esta institución ten un grande continxente de fondos inmobilizados, que debe poñer ao servizo da provincia”.
Millóns de euros na caixa
Como exemplos, puxo os 2,9 millóns orzamentados no PEL para axudas a empresas, dos que non se gastou un só euro; os 2,7 millóns para a mobilidade ciclista que chega a final de ano con 28.000€ investidos e, moi especialmente, o Plan de Estradas Provinciais, do que só se executaron 2 millóns dos 16 orzamentados, poñendo en risco a seguridade viaria.
Tamén criticou que o Orzamento aprobado inicialmente non teña nada que ver co que chega a final de ano e conte con menos da metade dos fondos, que se van sumando ao longo do exercicio en sucesivas modificacións. “Unha mala práctica que están a converter en habitual, e que impide que os Concellos saiban cantos recursos da Deputación poderán incorporar aos seus orzamentos a comezos de ano”.
Sen diálogo, as nosas propostas foron rexeitadas
Alberto Lema criticou, ademais, que o Orzamento chegue a Pleno “sen un mínimo trámite previo de diálogo, procura de consenso ou achegas por parte das forzas que votamos no seu día a favor da investidura do seu presidente. Non parece a mellor práctica para un goberno en minoría”.
O noso voceiro trasladou unha moción para dedicar unha parte di Plan de Estradas, pois os antecedente indican que sempre queda sen executar, e dedicalo a amplias as bolsas de estudos (200.000 euros), ao plan de reposición de maquinaria agrícola (600.000 euros) e ao estudo e demarcación do Camiño dos Faros na súa ruta entre A Coruña e Malpica (200.000 euros). As propostas foron rexeitadas, aínda que o goberno provincial prometeu telas en conta para o futuro.
Aprobada a moción en apoio ao pobo saharauí
Si resultou aprobada a nosa moción en apoio ao pobo saharaí, despois de que o pasado 13 de novembro o exército marroquí rompese o alto ao fogo asinado con Rabat en 1991, realizando un ataque no paso fronteirizo de Guerguerat. O texto parte da Rede Cidadá Internacional de Apoio ao Pobo Saharauí (CIAPS).
Deste xeito, denunciamos o ataque de Marrocos, que remata de xeito infame cun alto o fogo de preto de 30 anos, e amplificamos o chamamento do secretario xeral da Fronte Polisaria e presidente da República Árabe Democrática Saharauí, Brahim Ghali, quen apela “ás Nacións Unidas, a todos os Estados e aos pobos amantes da Paz, da xustiza e da igualdade, para que apoien o pobo saharauí e o acompañen na loita contra a agresión marroquí, que non respecta os seus compromisos e viola os principios e valores comunmente compartidos”.