Presentamos unha emenda con correccións, compromiso de destinar o 1% do orzamento á normalización lingüística e un Plan de Normalización máis participado. O PSOE rexeitouna en solitario, sen argumentos
María García: “Segundo Pleno ordinario do ano, e seguimos sen Orzamentos 2021, sen anexo de convenios para as entidades sociais e sen novo plan de choque contra a pandemia”
O grupo municipal da Marea Atlántica votou hoxe a favor da ordenanza de uso do galego, a pesar dos erros e a opacidade na súa tramitación por parte do goberno municipal, e a pesar de que o PSOE, en solitario, rexeitou cos seus votos as nosas emendas para mellorala. “Votamos a favor para amosar o noso compromiso coa lingua, e que non todos somos iguais”, sinalou o noso vicevoceiro, Iago Martinez.
Da súa banda, a voceira da Marea Atlántica, María García, lamentou que se celebrase o segundo Pleno ordinario deste 2021 e sigamos “sen orzamentos, sen anexo de convenios coas entidades sociais, sen novo plan de choque contra a pandemia e sen ter visto nin sequera un borrador de ningunha destas cousas. En que ano vive Inés Rey?”.
Emendas á ordenanza de uso do galego
Martínez lamentou que as nosas emendas, de sentido común, sexan relegadas ao trámite de alegacións, onde seguiremos tentando que se aproben. Lembrou que “o 90% deste texto se corresponde co excelente traballo que fixo o Servizo de Normalización Lingüística no anterior mandato, para elaborar un texto que o PSOE non quixo apoiar ata o de agora”. E, por iso mesmo, lamentou que non estea mellor tramitado e chegue “sen o trámite preceptivo de consulta pública, con inseguridade xurídica, con tres informes contrarios e sen diálogo de ningún tipo. Non lle fan ningún favor, nin á ordenanza nin o galego”.
Celebrou, en todo caso, que A Coruña deixe de ser a única cidade galega sen ordenanza para o fomento da lingua propia, pero lembrou que “unha norma non abonda para amosar respecto e cariño polo idioma. Facíao o goberno de Xulio Ferreiro, no que todas as súas integrantes se expresaban en galego con absoluta normalidade, cousa que non fai o executivo actual”.
As nosas propostas, de sentido común, pasaban por reforzar o Servizo de Normalización Lingüística e garantir que estea financiado cando menos cun 1% do orzamento, estender a toda a Corporación o compromiso de uso do galego, facer máis participativo o Plan de Normalización Lingüística, desvinculándoo dos periodos electorais, crear un Consello Local da Lingua e fomentar os medios que empreguen o galego en exclusiva. Volveremos defendelas no trámite de alegacións.
Doutra banda, Martínez lamentou que neste Pleno non se estean a debater os Orzamentos 2021, o apoio ao terceiro sector ou o novo plan de choque: “A Inés Rey parece non preocuparlle o paro, nin a desigualdade, nin a pandemia. Fala como se estivesemos en 2018, goberna con orzamentos de 2019, executa o Presco de 2020 e soña, ás veces, con derrubar en 2040 os mamotretos que o seu propio partido construiu no porto”.
Melloras fiscais para os sectores máis afectados pola crise
María García abondou nese argumento no seguinte punto da orde do día, a modificación das taxas do lixo e a auga para baixarllas nun 50% aos sectores que ven limitada a súa actividade polas restricións sanitarias, e ata o 100% no caso de peche. Unha mellora que a hostalería, o comercio e outros negocios levan semanas agardando, e que nace do acordo entre a Marea Atlántica, o BNG e o PSOE asinado o 10 de decembro, no que lle arrincamos este compromiso ao goberno.
Votamos a favor deste compromiso, que se cúmprese aos poucos do prazo asinado, que remataba o 31 de xaneiro, e que se cumpre só en parte. “Seguimos agardando pola nova liña de axudas que se prometeu, e por unha Mesa de Negociación que sexa algo máis ca unha foto”, explicou García.
A nosa voceira lembrou, ademais, que xusto hoxe se cumpren catro anos do día que Xulio Ferreiro arriscou a alcaldía nunha cuestión de confianza, para ser quen de aprobar os Orzamentos e superar o bloqueo de PP e PSOE, “porque os orzamentos son recursos, investimentos e políticas que afectan á vida das persoas”. Hoxe, pola contra, “é o goberno quen bloquea os seus propios orzamentos, negándose a negociar coa oposición. Somos a única cidade galega, coa Ourense de Jácome, que non ten unhas contas adaptadas á pandemia”.
Tamén contaron co noso voto favorable as distincións a axentes da Policía Local pola súa traxectoria, outorgadas polas propias compañeiras e compañeiros. Pero neste punto o concelleiro Alberto Lema aproveitou para pedirlle ao goberno que non se limite a conceder medallas e “escoite á Policía Local, e dean solución aos problemas que denuncian: están sen medios, sen uniformes e sen medidas de seguridade para evitar contaxios. Tiveron que chamar a un inspector de traballo pola súa conta para certificalo, algo que nunca antes sucedera neste Concello”.
O Pleno tratou tamén a suspensión cautelar da tramitación de instrumentos de planeamento, xestión do solo e licenzas no ámbito do Polígono dos Rosales e do Ventorrillo. Abstívemonos neste punto, por non poder avalar un trámite que chegou sen información suficiente e que corresponde, unha vez máis, a complicada herdanza urbanística de Francisco Vázquez. As parcelas afectadas son obxecto de solicitude de expropiación por entidades bancarias e coñecidos promotores da cidade, parcelas que no seu día foron obxecto de permutas en convenios da época Vázquez. Agora estas entidades reclaman o cartos da expropiación. Un exemplo máis da falta de control e rexistro exhaustivo relativo ao patrimonio municipal do solo.