Saltar ao contido

Votamos en contra do paripé verde que o goberno local levou ao Pleno, unha declaración sen prazos, sen orzamento e sen proxectos para tapar o seu suspenso en política ambiental

Aprobadas as tres mocións que a Marea Atlántica presentou ante a Corporación: axudas para o sector cultural, un plan para Mover os Baixos baleiros e melloras no barrio de Feáns

A Coruña deixou de ser a única cidade galega sen unha ordenanza de normalización lingüística. A nova norma foi aprobada de xeito definitivo, incorporando varias das alegacións presentadas polo grupo da Marea Atlańtica, que corrixían erros materiais e melloraban o texto, segundo sinalan os informes xurídicos. A máis relevante entre as achegas aceptadas é a creación dun Consello Local da Lingua, un un foro cívico, técnico e político que procurará a maior participación posible para as políticas de normalización lingüística. 

O noso vicevoceiro, Iago Martínez, agradeceu o “cambio de actitude” do goberno municipal, que no Pleno de febreiro rexeitou as emendas da Marea Atlántica e tiveron que ser incorporadas no trámite de alegacións. E que incorporou outra achegas singificativas, coma o compromiso de dedicarlle cada ano polo menos o 0,1% do orzamento municipal ao Servizo de Normalización Lingüística, o que supón duplicar os fondos actuais. Tamén se aceptou a suxestión de ampliar a vixencia dos Plans de Normalización Lingüística a cinco anos, desvinculándoo do ciclo electoral. 

Porén, outras propostas quedaron pendentes, como reservar unha parte do gasto publicitario do Concello para os medios que se expresan exclusivamente en galego. Ademais, cómpre lamentar que esta ordenanza non se sometese ao trámite previo de consulta á cidadanía que establece como preceptivo a Lei 39/2015, o que ademais de xerar inseguridade xurídica dálle ao PP argumentos para opoñerse.

En todo caso, é unha moi boa nova que A Coruña teña a súa ordenanza a prol da lingua galega 32 anos despois, e oxalá non sexa un xesto único. Como sinalou Iago Martínez, “con esta normativa só nos estamos a poñer deberes. Agardemos que mañá mesmo comece o traballo para o novo Plan de Normalización Lingüística e o regulamento do Consello Local da Lingua. Aí poderán contar coa Marea Atlántica”. 

A crise climática non se amaña cun paripé verde

O goberno municipal presentou tamén un pobre Acordo para unha Cidade Verde, descargado da web da UE sen un so cambio e, “sen compromisos, prazos ou orzamento, un paripé que só busca un titular en vésperas do Día do Medio Ambiente”, resumiu  a nosa portavoz, María García. 

Votamos en contra, porque fronte a crise climática, disimular é peor que non facer nada, “é coma finxir que apagas un lume mentres deixas que todo arda”. O certo é que en dous anos a Concellería de Medio Ambiente de Ines Rey non impulsou nin unha soa política de protección ambiental. E cando se lle pregunta pola ecoloxía á concelleira Esther Fontán, só acerta a falar do botellón. 

Como xa adiantamos onte, Inés Rey leva un claro suspenso en verde, sen avances en tratamento de residuos, biodiversidade, hortas urbanas, calidade da auga e do aire ou benestar animal. Nada en absoluto. “Muden de rumbo, porque non temos tempo que perder”, afirmou García. 

A situación da planta de Nostíán é particularmente grave. Pasou de incrementar un 30% a recuperación de materiais entre 2015 e 2018, a empeorar en todos os indicadores. Baixa en reciclaxe mentres segue con contrato caducado e non parece que se vaia renovar neste mandato. Varios concellos a área metropolitana pensan en abandonar a planta, e a empresa concesionaria non substitúe a maquinaria deteriorada e o cadro de persoal segue perdendo dereitos, como lembra coas súas mobilizacións en cada Pleno. “A situación é tan grave que mesmo denegan as visitas solicitadas pola oposición”.


Tres mocións aprobadas pola Cultura

No debate das mocións, as tres propostas da Marea Atlántica resultaron aprobadas, dúas delas por unanimidade. 

Neste Pleno debatéronse tres mocións que reclamaban un maior apoio ao sector cultural: da Marea Atlántica, do BNG e da concelleira non adscrita. E as tres foron aprobadas por unanimidade. Como sinalou Iago Martínez, “nunca tanto se falara neste Pleno de Cultura, normal tras dous anos de deserto na xestión municipal. A alcaldesa foi capaz de poñernos de acordo en que esta área é un desastre”. 

Como adoitamos facer, a crítica foi acompañada dunha batería de medidas para “desconfinar a cultura”, tanto propias como trasladadas polo colectivo Unímonos ou afundimos. Entre elas, cero recortes no orzamento, renovación e mellora do Bono Cultura, dialogo co sector, creación dun Consello Local da Cultura, programa de compra de obra de artistas locais e bolsas de creación…. “Agardamos que as propostas se atendan, e que este goberno faga algo máis que mudar á persoa responsable de Cultura cada seis meses, dixo Iago Martínez. 

Melloras nos barrios e mover os baixos

Tamén recibiu o apoio de toda a Corporación a nosa proposta de melloras en Feáns e na urbanización Breogán, recollendo propostas das entidades veciñais, como peonalización das rúas Campos e Agra, melloras de mobilidade e seguridade viaria, un patio cuberto para o colexio público Manuel Murguía, e os proxectos pendentes: o Bosque de Breogán e a senda fluvial do río Feáns. “Están listos para executarse, pero o PSOE gardounos nun caixón”, lembrou a concelleira Claudia Delso.

Non hai pleno no que non se traslade o abandono dos barrios, como ocorreu con esta proposta e coa que trouxo o Partido Popular para a Zapateira. Esta última tamén foi aprobada, cunha emenda do noso grupo para eliminar referencias a cuestións do planeamento xudicializadas, recoñecendo as necesidades de mellora do espazo público da zona pero eliminando ditas cuestións controvertidas que poden supoñer un agravio para as arcas municipais. 

A terceira das nosas mocións recolle o programa Mover os Baixos, que presentamos en abril para combater a proliferación de locais pechados nos barrios da Coruña, máis dun milleiro segundo as asociacións profesionais. Propoñemos actuar en tres eixos: unha bolsa de locais en alugueiro, con prezos razoables garantidos polo Concello; a compra directa dalgúns destes locais para poñelos a disposición da veciñanza; e unha liña de axudas directas de ata 15.000 euros para a posta en marcha de novas actividades, tanto comerciais como de servizos, coworking ou proxectos de economía social. 

Alberto Lema defendeu esta moción, e lembrou que  “O pequeno comercio enriquece os barrios, trae servizos e vida ás nosas rúas, temos que fomentalo en lugar das grandes superficies”.

 

Facturas irregulares  antes que un novo Presco

Doutra banda, tras meses en branco, chegou un asunto de Facenda ao Pleno. O malo é que non foi nin o novo plan de axudas contra a crise, nin os convenios coas entidades sociais, nin os Orzamentos 2021, senón un recoñecemento extraxudicial de facturas irregulares. Un trámite necesario, pero afastado das urxencias que a veciñanza da Coruña ten nestes momentos. 

Como salientou María García, o groso desde recoñecemento, máis de 600.000 euros, provén de factura da Compañía de Tranvías que non tiveron encaixe do no orzamento en vigor. “A empresa atópase agora moi cómoda, acumulando beneficios sen que o goberno local lle esixa nada. Cando pensan poñer en marcha os descontos no billete para maiores de 65 e menores de 25, que pactamos hai dous anos, seguindo a rebaixa que implantou o goberno de Xulio Ferreiro?”. 

Celebramos a aprobación da ordenanza do galego, coas achegas do noso grupo para mellorala, corrixir erros e crear o Consello da Lingua