Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Logo de case tres décadas, tres PXOM, catro alcaldes e oito responsables de urbanismo, o goberno da Marea Atlántica traballa para recuperar o deserto do urbanismo salvaxe

A situación do parque Ofimático é unha das peores desfeitas urbanísticas da historia da Coruña, e da historia de Galicia. Ten unha historia de 28 anos, tres PXOM, catro alcaldes e oito responsables de urbanismo, e tres presidentes da Xunta. E centos de persoas damnificadas e esquecidas polas administracións. Só agora hai un goberno municipal que está a facer un intento honesto por amañar o desastre. Non é doado, e cada paso custa moito, pero estanse a conseguir avances sen deixar a ninguén atrás.

O Ofimático naceu como idea en 1990, nun soño faraónico de Manuel Fraga, que quixo facer o Silicon Valley galego e rematou nun delirio urbanístico difícil de explicar. O Ofimático implica a grandes promotores, á Xunta de Galicia (vía Xestur e o IGVS), cooperativistas de vivenda privada e pública que queren entrar nas súas casas, pequenos propietarios convertidos á forza en promotores, persoas que buscan facer lexítimo negocio, e os últimos veciños e veciñas que quedan na zona e ven ameazadas as súas vivendas tradicionais, logo de que moitas xa se perderan. Até 2015 todas as decisións políticas que se tomaron só serviron para empeorar a situación, especialmente no caso das persoas máis vulnerables, as que se atopan no lado estreito do reparto da riqueza.

Cando a Marea Atlántica chegou a María Pita, o escenario só podía describirse dun xeito: terrible. Anteriores gobernos avanzaron a cegas, poñendo o interese electoralista por enriba non só do ben común, senón tamén da legalidade. O PP fixo seu un desastroso contrato para urbanizar a zona, licitado polo bipartito de PSOE e BNG ao fío das eleccións de 2011, e quixo levalo a cabo a calquera prezo. A imaxe da escavadora que derrubou a casa de Varo e Isabel cunha vergoñenta escolta da Policía Local resume ben este período de moitos conflitos e ningún avance real.

E que fixo a Marea Atlántica?

Desde a humildade, escoitar a todas as partes e procurar solucións para converter o Ofimático nun espazo barrio habitable Traballar, con cautela e atender todos os intereses en xogo, sen medilos en votos ou cartos. Non é doado, pois antes de facer houbo que desfacer o desastre causado por quen presume de boa xestión. Pero estanse a ver avances por primeira vez en décadas:

  • Sentidiño e transparencia na urbanización: Para levar auga, luz e servizos básicos ao Ofimático, PSOE e BNG deixaran un contrato megalómano de máis de 50 millóns de euros, que foi impulsado a cegas polo PP, ata que o anulou a Xustiza en 2016. Agora, chegouse a un acordo que permite avanzar con contratos máis pequenos e con custos máis razoables. E faise dándolle voz e información a todas as partes implicadas. Máis información aquí.
  • Paralizar as expropiacións e os desaloxos: Este goberno non botou, nin botará, a ninguén da súa casa. Estase a traballar nun cambio de planeamento urbanístico para non ter que facelo nunca. É un proceso lento, complexo e que require cautela para respectar ao máximo a legalidade, pero pode lograrse. Máis información aquí.
  • Protexer ás familias antigas residentes: No Ofimático quedaron atrapadas moitas persoas ás que a Xunta e o Concello converteron en promotoras forzosas para non pagarlles pola expropiación dos seus terreos. Mentres o PP tiraba para adiante coa urbanización do parque, esta xente tiña que pagar facturas de miles de euros con cada cuota, chegando algunhas a estar preto de arruinarse. Agora iso rematou. Conxeláronse as cotas e ofrecéuselles unha saída para liberarse desta condena económica. Máis información aquí.
  • Resolver as obras máis urxentes: O 31 de xullo de 2018 remataron as obras de urbanización necesarias para darlles servizos básicos aos primeiros edificios construídos no parque por tres cooperativas, cun contrato de 2,54 millóns adxudicado á UTE Arias-Comsa. O 18 de decembro de 2018 deuse a primeira licenza de ocupación do futuro barrio, á cooperativa A Carnocha. Despois de 25 anos en branco, o Concello levou os servizos básicos de auga, luz e accesibilidade ao Ofimático, e fíxoo co máximo respecto pola legalidade e coa cautela que require este proceso tan complexo. As présas só levaron a empeorar aínda máis a situación. Máis información aquí.
  • Humanizar A Vedra: En paralelo, o goberno da Coruña negociou co Ministerio de Fomento para mudar os plans de ampliación da Avenida da Vedra. No proxecto inicial, aceptado polo equipo de Carlos Negreira, as marxes de San Vicente de Elviña quedaban arrasadas para construír un viaduto do Ofimático. Agora, nunha versión máis humana, sensible co que xa existe, lógrase protexer este núcleo tradicional. Máis información aquí.

Comparativa dos terreos do parque Ofimático 2010-2014

Non todo poderá amañarse. E moitas das cousas que poden amañarse levarán tempo. Hai lugares que xa desapareceron ou quedaron moi danados polo urbanismo salvaxe que representou o proxecto inicial do Ofimático: As Cernadas, Xuxán, Galán, Castro de Elviña e Eirís de Abaixo. Hai xente que xa perdeu moito por un soño faraónico. Agora o goberno da Marea Atlántica traballa na que cre que é a única liña de avance posible, desde o entendemento con todas as partes e sen prexudicar a quen menos ten. Só así, pensamos, pode converterse o deserto do urbanismo inhumano nun barrio vivo e respectuoso coa súa contorna.


Perdécheste?

Aquí tes un cronograma dos feitos.
E aquí un pequeno esquema que amosa en que mans están os terreos do Ofimático.

[Aviso honesto: A situación do Ofimático é tan longa, complexa e chea de reviravoltas que supera os límites destes artigos. Se desexas coñecer máis a fondo o proceso, recomendámoste o traballo do colectivo Ergosfera, Cousa de Elviña]

Ofimático: hai vida tras 28 anos de desfeita