Saltar ao contido

No vindeiro Pleno presentaremos unha moción para solicitar, tamén, a mellora da Renda Social Municipal para chegar a máis persoas e facela compatible coa nova prestación do Estado 

Silvia Caméan: “Procuraremos o apoio da Corporación para avanzar en xustiza social e para que máis xente da Coruña teña garantido o mínimo para unha vida digna”

A  Marea Atlántica presentará no vindeiro Pleno, mañá xoves 2 de xullo, unha moción na que insta ao goberno municipal a crear unha oficina para axudar á veciñanza da Coruña na solicitude do Ingreso Mínimo Vital do Estado, igual que xa fixeron outros concellos como Sada. A iniciativa tamén reclama a mellora da Renda Social Municipal, para ampliar a súa cobertura e facela compatible coa nova prestación do Estado.

“Procuraremos o apoio da maioría do Pleno para avanzar en xustiza social e, desde a proximidade dunha administración municipal, axudar a que máis persoas teñan garantido o mínimo para unha vida digna”, explica a concelleira Silvia Cameán, quen será a encargada de defender a moción.

Apoio a unha medida histórica

A aprobación do  Ingreso Mínimo Vital foi unha medida histórica para os dereitos das persoas en situación de vulnerabilidade social pero, como se di na moción, “vai requirir unha posterior ampliación para evitar un aumento dos xa alarmantes índices de pobreza” e “vai precisar que os Concellos, como administración máis próxima á veciñanza, colaboren na súa tramitación, ante o actual desborde no INSS”.

Por iso, xa son varios os municipios galegos que puxeron en marcha oficinas para tramitar as solicitudes do Ingreso Mínimo Vital e responder as dúbidas da veciñanza, un exemplo que A Coruña debería imitar.

Doutra banda, a nosa cidade conta cunha prestación pioneira, a Renda Social Municipal, creada no mandato da Marea Atlántica para garantir a cobertura das necesidades básicas para a vida. “Actualmente, a RSM chega a determinados colectivos non cubertos polo Ingreso Mínimo Vital, polo que se trata dunha ferramenta que debe potenciarse e ampliarse durante esta crise social, se non queremos deixar a ninguén atrás”, sinala a iniciativa que rexistramos.

Ingreso Mínimo Vital: O Concello da Coruña ten que abrir unha oficina para colaborar nas solicitudes