A banca está obrigada a ofrecer este tipo de servizos bancarios, accesibles e con comisións mínimas, que pasan a ser de balde para as persoas en risco de vulnerabilidade 

É a cuarta guía social que edita a Oficina dos Dereitos, unha iniciativa que se financia co excedente do salario dos cargos públicos da Marea Atlántica

A Oficina dos Dereitos da Marea Atlántica fixo pública hoxe unha Guía sobre a Conta Bancaria de Pago Básica, unha prestación moi descoñecida, pero que os bancos están obrigados a ofrecer para facilitar o acceso da veciñanza aos seus servizos, especialmente no caso das persoas sen recursos. 

Ter unha conta bancaria é imprescindible para o trato coas administracións e para o acceso ao mercado laboral, pero ao non existir unha banca pública, hai moitas xente que queda fóra do sistema. Segundo a OCU, no Estado hai 1,4 millóns de persoas en exclusión financeira, ben por non ter recursos para cumprir as condicións necesarias para manter unha conta bancaria estándar (por falta dunha nómina, de domicilio fixo, ou de ingresos que permitan asumir as comisións), ben pola fenda dixital que afasta ás persoas maiores de xestións e información á que xa non se pode acceder en persoa. 

Para axudar a quen se atopa no primeiro caso, esta guía da Oficina dos Dereitos explica a figura das contas de pago básicas, un servizo que a banca está obrigada a ofrecer en función da normativa europea e do Real Decreto 164/2019. Permiten o depósito de cartos, a domiciliación de recibos, a transferencia de cartos dentro da UE e o uso de tarxetas de débito ou prepago. Ademais, a conta de pago básica debe ser gratuíta para as persoas en risco de exclusión social, e teñen unha comisión máxima de 36 euros ao ano para o resto de usuarias. Este tipo de contas, ademais, poden abrirse aínda que non se teña un domicilio fixo, simplemente cun documento de identificación. 

As persoas que precisen axuda para solicitar unha conta de pago básica, ou con calquera outro trámite, poden solicitar apoio da nosa Oficina dos Dereitos, pedindo cita no correo dereitos@mareatlantica.org ou no teléfono 604 086 724. 

 

Cuarta guía da Oficina dos Dereitos

A Oficina dos Dereitos xa publicou outras tres  guías de axudas. A primeira para informar sobre aos diferentes tipos de prestacións sociais no Estado, a Xunta e o Concello da Coruña, ás que poden acceder as persoas en situación de vulnerabilidade. Outra para o acceso aos bonos sociais para suministros básicos, como auga, electricidade e gas e unha terceira sobre as tarifas sociais de internet e telefonía móbil

 

Xestionada polo educador social Rodrigo Gil, a Oficina dos Dereitos ofrece 12 horas de atención semanal para resolver dúbidas no acceso a axudas e recursos públicos, como complemento o traballo das administracións e as entidades sociais. Finánciase co salario dos nosos cargos públicos da Marea Atlántica, que cobran un máximo de 35.000 euros anuais, e doan o resto para iniciativas sociais coma esta Oficina ou a Xanela de Proxectos.