Ofrece asesoramento gratuíto a persoas en situación de vulnerabilidade social, para que poidan resolver os trámites burocráticos e acceder aos recursos públicos dispoñibles
A Oficina dos Dereitos está financiada cos excedentes salariais dos nosos cargos públicos
O acceso á vivenda, a falta de recursos económicos, a saturación dos servizos sociais ou a dificultade das xestións vía telemática son os principais problemas que estamos a detectar
A Oficina dos Dereitos, un servizo da Marea Atlántica para ofrecerlle de balde asesoramento xurídico e administrativo ás persoas en situación de vulnerabilidade social, prestoulle axuda a 62 solicitantes desde a súa creación en xullo de 2020 ata o día de hoxe. Nestes nove meses de actividade, o responsable da oficina, o educador social Rodrigo Gil, resolveu máis dun milleiro de consultas e publicou unha guía para o acceso a prestacións económicas.
A Oficina dos Dereitos finánciase co excedente salarial dos nosos cargos públicos, ao igual que outras iniciativas como a Xanela de Proxectos (cuxa segunda convocatoria se lanzará proximamente). Desde o mes de outubro ofrece 12 horas de atención semanal para complementar o traballo que están a facer as institucións e as entidades do terceiro sector, algo que resulta especialmente importante nestes momentos de crise e pandemia. O obxectivo é axudar e empoderar ñas persoas vulnerables.
As persoas atendidas pola oficina dos dereitos son 42 mulleres e 20 homes, confirmando que a pobreza e a desigualdade están feminizadas. As principais necesidades detectadas son a falta de recursos económicos, que custa resolver en moitas ocasións pola saturación dos servizos sociais en todos os niveis administrativos. Ata 41 das solicitantes tiñan problemas para cubrir as necesidades básicas para a vida.
Os problemas de acceso á vivenda están tamén moi presentes nas consultas, e resultan difíciles de resolver debido á enorme falta de políticas a nivel local, autonómico e estatal, como temos denunciado.
Doutra banda, a fenda dixital viuse agravada polas restricións sanitarias, que obrigan a pedir cita online para calquera servizo, algo que non resulta doado para quen carece de medios para conectarse a internet. O Concello da Coruña podería mobilizar recursos contra este problema, a través dun liña de axudas para financiar a compra de equipos e o acceso a internet, e cunha oficina para axudar cos trámites on-line a quen teña dificultades. E unha das nosas propostas para Rescatar A Coruña no novo Presco, que o goberno ten paralizado desde hai meses.
O obxectivo da oficina é que as axudas dispoñibles cheguen a quen as precisa, xa que moitas veces as persoas en situación vulnerable teñen problemas para resolver os trámites burocráticos, barreiras por mor do idioma ou a fenda dixital. Por iso, desde a Marea Atlántica procuramos canalizar as demandas cara os recursos da Administración e as entidades do terceiro sector que prestan un traballo fundamental dende hai anos.
Na Marea non nos subimos o soldo
Cómpre lembrar que unha das primeiras decisións de Inés Rey foi subir os soldos en María Pita. Ela mesma cobra case o dobre que Xulio Ferreiro e o seu portavoz, sumando dietas, supera o salario de Pedro Sánchez. Porén. pero os cargos políticos da Marea Atlántica seguen a cobrar dentro dos límites do noso Código Ético, e dedican o excedente a financiar iniciativas sociais coma esta Oficina dos Dereitos, unha man tendida para que ninguén quede atrás na Coruña.