Xiao Varela e Claudia Delso reuníronse coa asociación veciñal e lembraron que os proxectos do polideportivo do Castrillón e a área infantil da praza da Concordia quedaron listos para comezar este ano

As concelleiras da Marea Atlántica, Claudia Delso e Xiao Varela, reuníronse esta semana con representantes da Asociación Veciñal Castrillón Urbanización Soto – IAR para recoller as súas demandas e dar conta das actuacións no barrio que o anterior goberno municipal deixou preparadas para comezar este mesmo ano.

Entre todas elas, salienta o polideportivo do barrio, prometido hai 20 anos, que conta con 2,5 millóns de euros no Orzamento —a pesar dos atrancos que a oposición puxo no mandato anterior— e está xa listo para ser licitado a través da empresa municipal Emvsa. O proxecto contará con piscina e zona seca, e será 100% público.

Ademais, quedou listo o proxecto para dotar á praza da Concordia dunha área infantil longamente demandada. Ten un orzamento de 250.000 euros, e atópase en proceso de licitación desde o 3 de maio. De igual xeito, a praza interior de José María Hernansáez agarda por unha reurbanización que lle permitirá ao barrio gañar un espazo público moi necesario. En abril deste ano o Concello adquiriu unha parcela privada que obstaculizaba o proxecto, e que agora pode acometerse cando haxa vontade política.

IMG_20190801_190505_362-01O Castrillón tamén está a espera de beneficiarse dunha mellora da iluminación pública, con criterios de eficiencia enerxética. A instalación de tecnoloxía LED nos puntos de luz do barrio mellorará a súa calidade e suporá un importante aforro, cun proxecto en fase de contratación desde o 27 de abril.

De igual xeito, é importante lembrar que o barrio ten varias propostas aprobadas na vixente edición dos Orzamentos Participativos, que están á espera de que o goberno municipal active a súa fase de apoios. A vontade da veciñanza Trátase de ideas como a instalación dunha ludoteca no centro cívico do Castrillón, un ximnasio ao aire libre no parque de Oza, a humanización da rúa Rafael Bárez, ou a reordenación do tráfico no cruce entre as rúa Bergondo e a avenida Casanova de Eirís.

Compromiso co barrio

No anterior mandato, o goberno da Marea Atlántica realizou varias actuacións no barrio do Castrillón, que respondían a demandas da veciñanza longamente ignoradas. É o caso da reurbanización das rúas Montiño e Monte das Moas ou a construción dunha beirarrúa no Camiño da Igrexa. Tamén se desenvolveron varios proxectos aprobados nos Orzamentos Participativos dos últimos anos, como a instalación de equipamento biosaudable na praza de Pablo Iglesias, a elevación do paso de peónse fronte ao colexio Fernández Latorre e a plantación de árbores fronte ao mesmo centro educativo.