“Dixeron que non se podía gobernar desde a asemblea, que isto sería unha xaula de grilos. Equivocáronse. A Marea Atlántica é unha referencia en todo o Estado”, engadiu o alcalde.
A Marea Atlantica celebrou onte o primeiro aniversario do goberno municipal da Coruña, e os xa case dous anos desde a presentación desta plataforma cidadá na Ribeira do Cómaro, naquel mes de xullo de 2014. Preto de 200 persoas asistiron a este acto sinxelo, feito coas nosas mans, como é propio da Marea. Comezou na Praza dos Ovos, pero trasladouse ao noso local, xusto ao lado, sen perder forza nin asistentes.
No acto interviu o alcalde, Xulio Ferreiro, en nome das dez concelleiras e concelleiros do grupo de goberno, e afirmou que “nos comprometemos a ser leais. Entramos na institución como intrusos e como intrusos sairemos. Somos unha ferramenta para abrir o Concello á xente. Non remataremos disimulándonos entre os mobles vellos dos salóns”. Pero “a condición de intruso é fráxil. Pode perderse axiña. Precisamos que nos axudedes a conservar esta extrañeza, a lembrar que non somos coma os outros. Iso é o que tanto lles molesta”.
O alcalde sinalou que neste primeiro ano “estamos moderadamente satisfeitos. Cumprimos un 30% do noso programa, o noso contrato coa cidadanía, e temos o 50% en marcha. Agora xa non hai rúas con nomes de fascistas na Coruña. Temos a Renda Social Municipal, estamos a remunicipalizar as bibliotecas. Pero non é abondo. Quedan tres anos para avanzar no noso proxecto, que vai alén do programa, que consiste en transformar a cidade de xeito profundo, para facela máis xusta, máis inclusiva e máis alegre para vivir”.
E engadiu que “seremos quen de facelo, como fomos quen de gobernar o Concello. Dicían que isto ía ser unha xaula de grilos, que non íamos durar un mes. Equivocáronse. Aquí seguimos e tivemos éxito. Hoxe, a Marea Atlántica é unha referencia non só en Galicia, senón en todo o Estado”.
Xulio Ferreiro asegurou que “na Marea Atlántica temos un potencial incrible. Sabemos estar e facer xuntas. Non viñemos para mudar as políticas, senón mpara mudar a política”. E, afirmou, ese reto poderase cumprir mentres “teñamos combustible para a nosa máquina, a máquina do desexo común que nos uniu a todas. E ese combustible é a ilusión, que polo de agora non falta. Despois dun ano duro e emocionante, seguimos coa ilusión intacta”.
Parabéns desde a confluencia
Tralas palabras do alcalde, proxectáronse algúns vídeos enviados por persoas que son referencia en Galicia e no Estado, e representantes dos partidos que sustentan a confluencia da Marea Atlantica. Ada Colau, Pablo Iglesias, Alberto Garzón, Xosé Manuel Beiras, Yolanda Díaz e Carmen Santos quixeron estar presentes así neste aniversario. As súas pezas de vídeo, e moitas outras recibidas nesta semana, poden verse en Youtube. Tamén se escoitou a voz do escritor Manolo Rivas, un dos promotores da Marea Atlántica e o responsable de bautizala, non puido estar neste acto por compromisos adquiridos anteriormente, pero quixo enviar os seus parabéns cunha carta.
E, coma todo acto da Marea Atlántica, rematou cunha quenda de micro aberto, no que todas as persoas que quixeron puideron expresar a súa opinión. Entre outras, Alfonso lembrou que é responsabilidade de todas que esta marea siga a medrar. Tensi deixou claro o obxectivo: gañar para poñer as institucións ao servizo do común. Carlos asegurou que neste ano de marea chegou á maioría de idade como cidadán. E Henrique afirmou que “estamos nunha disputa grande entre o que é de todos e os que queren roubar todo. Desde o local é que podemos defender o común”.
E nesas andamos, co sorriso posto e a ilusión intacta. Porque hai marea.