Saltar ao contido

O goberno da Marea Atlántica lamenta a actitude destes dous grupos da oposición, que atrasaron o plan de actuación para o vindeiro ano e insisten manter un bloqueo en todos os eidos

Programas destinados a persoas en exclusión ou con diversidade funcional, como A Flote e Cultura Accesible e Inclusiva, quedaron pospostos pola votación de socialistas e populares

 

O goberno da Marea Atlántica na Coruña lamenta “profundamente” a actitude obstruccionista que amosaron na tarde do luns 24 de outubro as representantes do PP e do PSOE no padroado da Fundación Emalcsa. Socialistas e populares bloquearon o Plan de Acción da entidade para 2017, co argumento de que os orzamentos da empresa pública Emalcsa, da que depende a fundación, aínda non foron aprobados.

“A súa actitude non é de recibo, xa que foron estes dous mesmos grupos os que se negaron a debater os orzamentos de Emalcsa o pasado venres, no último consello de administración da empresa municipal de augas”, explicou a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga. PP e PSOE teiman, así, en bloquear a acción do goberno en todos os ámbitos, buscando réditos políticos, sen importarlles paralizar a cidade.

“O asunto tivo que quedar enriba da mesa, a pesar de que estamos a falar de programas de especial relevancia e sensibilidade, como é o caso do programa A Flote. Tiña unha dotación total de 192.000 euros para o ano que vén, destinada a evitar situacións de desprotección de persoas en situación de emerxencia social debidas a requisitos de carácter formal ou a problemas de procedemento. Este ano axudou a 69 familias a evitar un desafiuzamento, e o obxectivo é chegar a 150 fogares en 2017, así como axudar a entidades sen ánimo de lucro para que poidan colaborar cos obxectivos do programa”, comentou a responsable municipal. “Iso é o que se negaron hoxe a votar”, engadiu.

Freo ao programa para garantir o acceso á cultura das persoas con diversidade funcional

Tamén quedou bloqueada a iniciativa de Cultura Accesible e Inclusiva que, cun investimento de 240.000, garante o acceso ao das persoas con problemas de diversidade á vida cultural e artística da cidade. A súa meta é ofrecer a estes colectivos acceso a materiais e actividades culturais, e garantir a accesibilidade dos museos, cines, bibliotecas, teatros e outros espazos culturais da Coruña. Tamén inclúe accións para que a xente con diversidade funcional poidan desenvolver o seu potencial creativo e pasen a ser partícipes da cultura.

E, do mesmo xeito, a actitude de PP e PSOE obrigou a atrasar as actividades de promoción deportiva incluídas no programa Deporte Solidario e Inclusivo, que contará o ano que vén cun orzamento de 295.000 euros. Ademais, quedaron no caixón dous convenios nominativos coa Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento e coa Concellería de Igualdade e Diversidade, de de 100.000 e 50.000 euros, respectivamente.

 

O PP e o PSOE paralizan as accións sociais da Fundación Emalcsa para 2017