Saltar ao contido

O goberno local evitou desmarcarse dun pelotazo en San Diego coa escusa de pagar a débeda da Autoridade Portuaria. É unha liña vermella que racha os consensos dos últimos anos, e que sempre terá á Marea Atlántica en fronte

Para obrigar a Inés Rey a falar claro, levaremos unha moción ao Pleno do 8 de abril: condonación da débeda, titularidade e xestión pública dos peiraos e protección da pesca e a economía do mar. O porto debe abrirse á cidade, e seguir sendo porto

A voceira da Marea Atlántica e presidenta da Comisión do Bordo Litoral no Concello da Coruña, María García, quixo mandar hoxe unha mensaxe aos gobernos municipal, autonómico e estatal: “Deixémosllo claro a Inés Rey, Alberto Núñez Feijóo e Pedro Sánchez: o porto da Coruña non está en venda”. Fíxoo despois de que o PSOE e o PP evitasen hoxe desmarcarse dun pelotazo nos peiraos de San Diego coa escusa de pagar a débeda da Autoridade Portuaria. Unha liña vermella que racha os consensos dos últimos anos: buscaremos renovalos cunha moción no vindeiro Pleno. 

A Comisión do Bordo Litoral reuniuse hoxe para debater sobre a vindeira xuntanza entre o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e o Estado, que se reunirán o 9 de abril para discutir o futuro dos peiraos coruñeses. E chegan coa proposta que Feijóo lanzou o sábado desde o peirao de Transatlánticos: vender terreo en San Diego para construír vivendas na fachada marítima. E o goberno local negouse a pactar unha postura clara. 

“O plan que o presidente da Xunta puxo sobre a mesa, máis propio dun tiburón inmobiliario, racha por completo os consensos dos últimos anos, que falan de manter os peiraos con titularidade e xestión pública e condonar a débeda, como se fixo en Valencia. O porto ten que seguir sendo un porto, motor económico e de emprego”, lembra María García. Aínda o xoves, o Parlamento de Galicia ratificou este acordo co voto do PP, pero o sábado xa estaba Feijóo facendo apostas no casino inmobilario. 

Moción para defender os consensos con claridade

María García anunciou que o noso grupo levará ao vindeiro Pleno, o xoves 8 de abril, unha moción para renovar os consensos sobre o futuro do porto, e para obrigar ao goberno de Inés Rey a falar con claridade.  Insistiremos no que xa foi aprobado varias veces no Concello, a Deputación e o Parlamento de Galicia. Pero que PP e PSOE tenden a esquecer nas xuntanzas a porta pechada. 

Na nosa moción, pediremos o rexeitamento explícito e rotundo “á venda e privatización de terreos portuarios da Coruña para amortizar a débeda da Autoridade Portuaria”, e esixiremos o compromiso de todas as administracións para respectar os consensos dos últimos anos. A Coruña non pode renunciar, a ningún destes puntos:

Condonación da débeda portuaria para levantar a hipoteca sobre os peiraos interiores, tal e como se fixo en Valencia. 

Xestión e titularidade públicas dos terreos portuarios. Nada de vender solo para especular. O interese xeral por diante. 

Financiamento do tren a Punta Langosteira para facer viable o porto exterior. Debe optar a fondos europeos Next Generation e garantir en todo caso financiamento do Ministerio. E, desde logo, non pode ser moeda de cambio para renunciar á condonación da débeda.

Que o porto siga a ser un porto: protexamos a lonxa, a pesca e a economía do mar. Non estraguemos un motor de riqueza e emprego e un símbolo da Coruña.

Os terreos en desuso deben mellorar a cidade: espazos libres, zonas verdes, mobilidade sostible, equipamentos.

Participación cidadá: tomemos as decisións en diálogo coa rúa, non tras a porta pechada dun despacho.

Espazo aberto, espazo público

María García sinalou, ademais, que non é necesario vender nin privatizar os peiraos para permitir que se poidan usar como espazo cidadán. Demostrouse na dársena de Transatlánticos, que segue sendo dominio público portuario, pero abriuse ao paseo sen ningún problema, só con vontade política. 

O mesmo pode aplicarse en San Diego, aproveitando as zonas que poidan quedar sen uso para atender ás necesidades dos barrios como Oza e Os Castros, que levan décadas con déficit de equipamentos, zonas verdes e espazos abertos. “Deixar os peiraos do centro para o ocio e vender os dos barrios para especular é, ante todo, un pésimo modelo de cidade, lembrou a nosa voceira. 

Lembremos, unha vez máis, que boa parte da actividade económica do porto, relacionada coa pesca e o mar, concéntrase nos peiraos de San Diego e Petroleiro. Actividades que son un motor de emprego e riqueza, e un sinal de identidade para A Coruña. E a pesca precisa loxística complementaria, investigación e espazo para desenvolverse. Queremos un porto aberto á cidade, pero sempre un porto. 

María García: “Deixémosllo claro a Inés Rey, Feijóo e ao ministro Ábalos: o porto non se vende”