Saltar ao contido

Esixiremos transparencia nas máis que probables expropiacións en Eirís, para evitar que se repitan desastres como no caso do Ofimático ou San Vicente de Elviña

O presidente da Xunta comunica hoxe, ano e medio despois de anuncialo, que a ampliación do CHUAC se fará onde se ubica o actual complexo hospitalario, e que renuncia por tanto a trasladalo a un emprazamento alternativo. Descoñecemos, a tal hora, as razóns que avalan esta decisión. Nin a Xunta de Galicia nin o goberno municipal facilitaron ningunha información ao respecto.

A poucos meses das eleccións, coma un mal estudante, a Feijóo éntranlle as présas. Benvida sexa a propaganda se esta non queda nos titulares e se traduce en feitos, con compromisos firmes, investimentos reais na cidade e proxectos feitos con diálogo institucional e social e para o ben común. Se non se repite, en definitiva, a mesma historia que xa padecemos coa ría do Burgo, a estación intermodal ou a recuperación do borde litoral.

Tamén é necesario salientar que, nos mapas propagandísticos amosados hoxe, aparece un “centro de formación en I+D+i” na parcela que o Concello da Coruña lle cedeu no anterior mandato para construír un centro de maiores. O goberno galego perferiu rexeitala, pese a ser de balde, para mercarlle un terreo á Fundación Irmáns Tenreiro, e agora vemos por que. Pero esa parcela segue a ser de titularidade municipal, e preguntámonos se o goberno de Inés Rey era coñecedor da proposta, ou se a Xunta emprega o solo do Concello coma se fose seu.

Outra dúbida é que vai ocorrer co actual edificio do Hospital Materno, que quedará sen uso cando os seus servizos se trasladen ao novo edificio. Agardamos que non haxa tentacións de especular coa parcela, e o inmoble continúe a ter un uso público.

A sanidade pública ten problemas graves que non se amañan con infografías

O hospital ten que servir para solucionar os problemas de falta de camas, espazo e recursos que afectan ao CHUAC, non para crear outros novos. O proxecto presentado por Feijóo suporá expropiacións na contorna do hospital, e novamente descoñecemos se o goberno municipal estaba ao tanto e se as familias afectadas foron consultadas ou informadas. Esixiremos transparencia e vixiaremos que a veciñanza que agora vive alí non sufra os danos de facer as cousas mal, como nos casos do Ofimático e San Vicente de Elviña. Debera ser, en todo caso, unha oportunidade para resolver os problemas de mobilidade desta zona de Eirís.

Lémbramoslle tamén a Feijóo que os problemas da sanidade pública en Galicia son graves, e hai convocada o día 9 de febreiro unha manifestación para denuncialo. Iso non se tapa con infografías nin presentacións de diapositivas.

O novo hospital da Coruña: máis feitos e menos propaganda