Saltar ao contido

Os gastos que Compostela Aberta e Marea Atlántica realizaron na campaña das municipais de 2015 son públicos desde hai meses

O Tribunal de Contas non atopou nada na nosa contabilidade que lle impedise conceder a subvención correspondente. Non se cometeu ningunha irregularidade

En relación coas informacións publicadas hoxe nun medio de comunicación sobre os gastos de campaña da Marea Atlántica e Compostela Aberta nas eleccións municipais de 2015, cómpre lembrar que ninguén precisa acudir aos informes do Tribunal de Contas para fiscalizar a contabilidade das nosas plataformas municipalistas. Fixemos públicos os datos hai máis dun ano, ao contrario que outros partidos que concorreron ás eleccións. Nós temos as contas claras.

En todo caso, o Tribunal de Contas non atopou nada na contabilidade da Marea Atlántica ou Compostela Aberta que lle impedise conceder a subvención correspondente á representación obtida nas eleccións. Polo tanto, non se cometeu ningunha irregularidade.

Porén, a día de hoxe, estas subvencións recoñecidas hai máis dun ano, continúan sen cobrarse, tanto no caso da candidatura municipalista de Santiago como no da Coruña. Parece que o Estado quere pór máis impedimentos a quen participa en democracia con humildade e limpeza que a quen está vulnera a lei.

Compostela Aberta gastou 32.682,18 € na campaña electoral, e recadou 28.050 euros mediante doazóns de particulares. Pola súa banda, a Marea Atlántica, gastou 23.688,19 euros, e tivo uns ingresos de 29.815,72 euros. Nada hai que ocultar.

Balance semestral da Marea Atlántica: https://mareatlantica.org/contas-claras-09-2015/

Contas Compostela Aberta: http://compostelaaberta.org/transparencia/contas/

Hai que lembrar que unha campaña da xente faise con achegas pequenas e modestas, e gastos cativos, como os que fai a xente. Pero a lexislación, orientada aos grandes créditos da gran banca, non entende deste xeito de financiamento solidario e humilde. E iso é un problema.

O TCU, que fai esas observacións menores á Marea Atlántica e a Compostela Aberta, nada obxecta ás contas electorais do PP e dos grandes partidos. Como tampouco observou no seu momento irregularidades no financiamento do PP vía Gürtel.

Doutra banda, o informe do Tribunal de Contas, é publico na súa web desde o mes de xullo. É unha curiosa casualidade que apareza nun medio de comunicación xusto no primeiro día da campaña electoral. Unha curiosa casualidade.

O municipalismo ten as contas claras