Saltar ao contido

Dentro da coalición Galicia en Común – Anova – Mareas, a Marea Atlántica, Compostela Aberta e a Marea Cidadá de Noia organizaron hoxe un encontro na Coruña, no que participaron Xulio Ferreiro, Martiño Noriega, María García, Marta Lois, Lola Caramés e Xan Xove

A Marea Atlántica, Compostela Aberta e a Marea Cidadá de Noita, organizacións integradas na coalición Galicia en Común – Anova – Mareas celebraron esta tarde na Coruña un acto denominado Municipalismo cara as eleccións do 5A, no que se salientou a importancia dos movementos municipalistas galegos na construción de maiorías, imprescindibles para desaloxar a Alberto Núñez Feijóo. 

O acto foi presentado por Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña no anterior mandato, e contou coas intervencions de Martiño Noriega, exalcalde de Santiago e voceiro de Compostela Aberta; a concelleira da mesma formación Marta Lois; e Xan Xove, deputado autonómico na anterior lexislatura e integrante da Marea Atlantica, tres nomes que forman parte da candidatura ás eleccións autonómicas pola provincia da Coruña. Tamén participaron as concelleiras María García, voceira da Marea Atlántica, e Lola Caramés, voceira da Marea de Noia.

O encontro, que tivo lugar no local da Marea Atlántica, comezou coa presentación do exalcalde Xulio Ferreiro, salientando a importancia do municipalismo na realidade política galega: “O fenómeno do municipalismo no 2015 mudou para sempre o xeito de facer política no país. Non só nas cidades, tamén nas vilas de todos os tamaños. É importante que esta voz, a voz de tantas, estea no Parlamento de Galicia”. A continuación, o deputado Xan Xove fixo un chamado á unidade: “O municipalismo é outro xeito de facer política, dende abaixo, de xeito horizontal e participativo. Entre todas, debemos facer un esforzo de unidade para rematar co marasmo do Partido Popular”. 

Na súa intervención, a voceira da Marea Cidadá de Noia, Lola Caramés, reivindicou a ilusión para dar continuidade ao traballo iniciado no 2015: “Fomos capaces de apartar as nosas diferenzas e converternos na casa común de moita xente que antes se sentía orfa”. Recollendo esta idea, a concelleira de Compostela Aberta, Marta Lois, indicou que “En Galicia, hai un antes e un despois desde o 2015. Precisamos agora outro punto de inflexión: este tempo amosou que é posible mudar as cousas. O municipalismo está pegado ao territorio, está pegado á xente e traballa para facer políticas doutro xeito”. 

Na súa intervención, Xulio Ferreiro lembrou os atrancos que a propia Xunta de Feijóo puxo aos gobernos municipalistas: “A Xunta só devolvía bloqueo e agresividade fronte ás políticas do ben común. Nunca houbo un aliado nin no Goberno autonómico nin no Goberno do Estado. Isto mudou o ano pasado e ten que mudar agora de novo.” A voceira da Marea Atlántica, María García, seguiu nesta liña: “A lealdade institucional da Xunta de Feijóo coas nosas cidades e vilas foi nula. E isto non é un ataque contra as mareas, é unha falta de respecto a toda a cidadanía galega”. 

Pechou o encontro o exalcalde e voceiro de Compostela Aberta, Martiño Noriega, poñendo o foco no futuro: “O feito de que exista está coalición de diversas foi unha moi mala nova para Feijóo e para os que queren a continuidade na Xunta. Pero tamén para a extrema dereita que ve como seguimos a ser quen de cooperar e construír xuntas” e rematou asegurando que “necesitamos mudar o Goberno da Xunta para construír un país onde os noso fillos e fillas podan vivir con dignidade. Polo municipalismo non vai quedar: ímonos volcar neste cambio”.

A valiosa experiencia dos gobernos municipalistas

As cidades e vilas galegas viron nacer  as primeiras candidaturas de confluencia, en 2014 e 2015, e demostraron que cando se traballa con xenerosidade, sumando forzas e poñendo por diante o que nos une, é cando realmente a cidadanía apoia as propostas de cambio político. Só en común fomos quen de crear alternativas reais de goberno. 

Nos últimos anos, as plataformas municipalistas tiveron e aínda teñen responsabilidades de goberno en varios concellos de Galicia, e demostraron que poden poñerse en práctica outras formas de gobernar. A pesar das resistencias e da confrontación cos poderes que gobernan sen presentarse as eleccións, o municipalismo conseguiu mellorar a vida das poboacións que gobernou. 

O municipalismo, imprescindible para desaloxar a Feijóo