Levamos a Pleno unha moción para denunciar que, nestes momentos de crise sanitaria, social e económica, non ten sentido malgastar cartos públicos en servizos dos que o Concello xa dispón
O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno, o 14 de maio, unha moción para reclamarlle ao goberno municipal que destine a políticas sociais e de emprego contra a pandemia os 600.000 euros que pensa dedicar a duplicar o contrato de limpeza viaria, de xeito irregular. Fondos que estarían moito mellor investidos en reforzar a protección social das persoas vulnerables, ou en fomentar o emprego e a actividade económica local.
Como xa denunciamos, o goberno de Inés Rey pretende asinar un convenio coa Deputación da Coruña para que a empresa Tragsa realice tarefas de limpeza na cidade, dun xeito que invade o contrato municipal de limpeza viaria, que acaba de ser renovado por 14 millóns de euros anuais. Este convenio levantou importantes avisos nos informes da Intervención e a Secretaría da Deputación, polas súas irregularidades administrativas.
Non pode entenderse que, nestes momentos de crise sanitaria, social e económica, o Concello malgaste máis de medio millón de euros en duplicar un servizo que xa ten. Se considera que a empresa encargada de limpar a cidade non está a cumprir co necesario, o que ten que facer o PSOE é obrigala a facer o seu traballo, non buscar unha porta traseira para cumprir o seu programa electoral.
O PSOE oculta un suposto informe da avogacía do Estado
Durante o debate deste convenio na Deputación, aprobado cos votos de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños, o único argumento do goberno provincial foi a existencia dun presunto informe da Avogacía do Estado que avala a operación. Informe que non lle foi presentado á oposición, e que nos foi denegado cando o solicitamos formalmente. Por iso, na nosa moción tamén instamos ao Concello da Coruña a facer público ese documento, cumprindo coas súas obrigas de transparencia.