Este domingo, a Marea Atlántica organiza o roteiro Gañemos o Porto para reivindicar o uso e titularidade pública dos peiraos interiores
O percorrido está aberto á cidadanía e partirá ás 19.00 da Autoridade Portuaria, para explicar as posibles consecuencias da venta dos peiraos de Calvo Sotelo, Batería e San Diego
Contará coa participación do alcalde, Xulio Ferreiro; do concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela; e da concelleira de Medio Ambiente, María García
O vindeiro domingo 30 de abril, a Marea Atlántica organizará un roteiro polas beiras do Porto da Coruña, para explicar cales poden ser as consecuencias do planeamento urbanístico vixente nos peiraos interiores. No acto, participarán o alcalde, Xulio Ferreiro, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, e a concelleira de Medio Ambiente, María García, xunto a técnicos do Concello e cidadanía mobilizada.
A actividade foi presentada hoxe en rolda de prensa por Mercedes Bolaño e Álex Sánchez, da Marea Atlántica. Co nome de Gañemos o Porto, o percorrido comezará ás 19.00 horas, diante da Autoridade Portuaria da Coruña, e percorrerá o litoral ata rematar no Xardín de San Carlos. Será unha camiñada festiva para falar da oportunidade que se abre no noso porto. E da loita que será necesaria para non perdela. Terá paradas fronte ao Palexco, as galerías da Mariña e o peirao do Leste, con olladas ao pasado e ao futuro destas zonas.
A herdanza do convenio de 2004
Álex Sánchez lembrou que “non está lonxe o día en que boa parte da actividade portuaria se trasladará a Punta Langosteira. Ese día, centos de milleiros de metros cadrados en primeira liña de costa, nos peiraos de Calvo Sotelo, Batería e San Diego quedarán libres”. Será unha oportunidade para gañar espazo público, para achegar a cidade ao mar e aproveitar a súa riqueza. Pero as opcións políticas que gobernaron antes a cidade tiñan outras visións, e diso queremos falar o domingo, ollando cara o que nos xogamos.
Coa escusa de financiar o Porto Exterior, Francisco Vázquez, Alberto Núñez Feijóo, Francisco Álvarez Cascos e o daquela alcalde de Arteixo, Manuel Pose, asinaron un convenio que pretendía “pagar” a obra de Punta Langosteira coa venda dos peiraos interiores da Coruña.
“É moi discutible que unha obra do Estado teña que pagarse a costa do litoral da nosa cidade. E máis discutible aínda que realmente sirvan para costear esta obra. O Porto Exterior vai preto de custar 1.000 millóns. E a Autoridade Portuaria conta con sacar 25 millóns da venda”, engadiu Sánchez.
Un modelo xa incorporado ao planeamento urbanístico
Neste sentido, Mercedes Bolaño explicou que “este convenio de 2004 xa foi incorporado ao PXOM da Coruña por gobernos anteriores, e dun xeito que permite a especulación inmobiliaria. En canto a Autoridade Portuaria decida, pode comezar a venda dos peiraos. E quen se faga con estes terreos terá para si a oportunidade de enriquecerse co que debería ser de toda a veciñanza”.
Hai que lembrar que o PXOM, unha vez se desafecten os terreos portuarios, permitirá construír hoteis, centros comerciais e outros negocios de uso terciario nos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, en edificios de ata nove alturas. E en San Diego será posible a construción dunhas 4.000 vivendas de ata 10 alturas.
“Desde a Marea Atlántica defendemos o uso público e a xestión pública dos peiraos. E manter a titularidade pública dos terreos. Defendemos outras alternativas para o porto: zonas verdes, espazos comúns e actividades que aproveiten a riqueza do mar en lugar de enterrala baixo a economía do ladrillo”, argumentou Bolaño.
Apoio á manifestación do 7 de maio
O goberno municipal está a negociar para defender a xestión pública e o uso público destes terreos, para que o porto siga a ser porto e non se transforme en urbanización de luxo. Pero a última palabra tena o Goberno do Estado a través do Ministerio de Fomento.
Non hai tanto que o porto da Coruña era de libre acceso. Un día, pechárono cun valado. Outro, o Palexco e o centro comercial medraron para agochar de novo o mar. Agora, corremos o risco de repetir o erro, pero multiplicado por mil Pero aínda estamos a tempo de impedilo. Coa mobilización xa se conseguiu parar a venda da Solana e o Hotel Finisterre. É tempo agora de abrir o debate e decidir o que queremos para o porto, en común con toda a veciñanza, e con todas as forzas políticas que penden no ben común.
Por iso, queremos facer tamén un chamamento a acudir á manifestación convocada pola Comisión Aberta en Defensa do Común, para o vindeiro 7 de maio. Porque queremos que o porto siga a ser un porto, non unha urbanización de luxo.