Con mentiras e medo, o Partido Popular carga contra a protección patrimonial de máis de 80 inmobles. Están, coma sempre, do lado da cobiza e a bola de demolición.
O PP fixo onte unha versión do clásico “eu non son racista pero…”, adaptándoo á súa habitual estratexia de sementar mentiras. O PP fixo onte un “eu estou a favor da protección do patrimonio, pero vou espallar o medo sobre as medidas de protección do patrimonio para ver se pesco algún voto”.
Deste xeito, intentan enganar á veciñanza con mentiras sobre o que representa a ampliación do Catálogo de Edificios Singulares da Coruña, que inclúe máis de 80 inmobles para evitar que, coma tantos outros, sexan vítimas da cobiza e a bóla de demolición. Di o PP que isto vai impedir e dificultar as reformas e obras de mellora nas vivendas. O PP, como tantas outras veces, minte e só busca enlamar o debate.
Os bens con maior protección son edificios singulares e espazos públicos, que non son vivendas. É o caso da Viaxe de Visma, a sede histórica do Club do Mar, o Observatorio da Agra, a Escola Pablo Picasso, a Lonxa do Gran Sol ou o Edificio da Citroën (ao que o PP lle retirou a protección en 2013). Outros, abofé, teñen vivendas, pero nese caso a ampla maioría recibe unha protección só en grao ambiental. É dicir, o elemento protexido é a fachada, pero non se impide que os veciños e veciñas fagan todas as obras de reforma interior que lles parezan necesarias, incluso que amplíen o edificio ate 2 plantas se Patrimonio da Xunta o autoriza.
A maior protección, no Camiño Inglés, foi solicitada pola Xunta
Hai outros inmobles que se protexen pola singularidade da súa contorna, como os que están dentro do Camiño Inglés ao seu paso pola cidade, por exemplo na Avenida de Monelos 117 e 119 e na rúa Fernández Latorre 43 . Nestes casos, é o servizo de Patrimonio da Xunta o que pediu que fosen incluídos Catálogo. Nós estamos de acordo, pero se o PP ten problemas e quere rectificar, pode ir reclamarlle a Feijóo a San Caetano.
O Partido Popular vai de novo coa mentira por diante e os intereses inmobiliarios por detrás. Nada novo para os responsables do derrubo do edificio de Sanidade Exterior na Mariña. O que buscamos, precisamente, é que este tipo de ataques contra o patrimonio non se volvan repetir.