Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “Hai que reordenar as liñas do bus urbano para cubrir as demandas da veciñanza e tamén debemos fiscalizar a Compañía de Tranvías”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía aposta por unha nova e mellor mobilidade na Coruña “cunha vocación metropolitana e no que o transporte público poida ser primeira opción; non un simple recurso para quen non ten coche, que é o tratamento que leva anos dándolle o goberno municipal ”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, propuxo “unha nova e mellor política tamén na mobilidade” e apostou por “reordenar as liñas do bus urbano para cubrir as demandas da veciñanza, que emite numerosas queixas polas eivas do servizo; así como fiscalizar a Compañía de Tranvías”. “Queremos un transporte público de calidade que poida ser a primeira opción da xente para moverse pola cidade; non un simple recurso para aqueles que non teñen coche, que é o tratamento que leva anos dándolle o goberno municipal”, indicou Ferreiro.

“A Marea renovará o actual mapa de rutas do autobús urbano, contando coa opinión da cidadanía, porque o que está en vigor non chega a cubrir as demandas de transporte dos principais xeradores de movementos da cidade, dende polígonos industriais ata a zona hospitalaria ou os novos barrios urbanos coma Novo Mesoiro. Tamén se deben reducir os tempos de tránsito entre as cabeceiras das liñas aumentando a velocidade media dos autobuses mediante o habilitado de pasos en exclusiva por determinadas rúas da cidade por un lado, e reformando as paradas de autobús para conseguir unha rede 100% accesible e que evite o aparcamento indebido e consiga mellorar os tempos de subida ou baixada de usuarios polo outro”, asegura o cabeza de lista da plataforma cidadá, que tamén defende que a nova mobilidade na Coruña “teña vocación metropolitana, con paradas que fagan de intercambiador urbano ou interurbano en San Diego, Alfonso Molina e Ronda de Outeiro”.

Así mesmo, Xulio Ferreiro considera necesario “fiscalizar a Compañía de Tranvías, que obtén grandes beneficios (3,5 millóns en 2013) que na súa maioría proceden de subvencións municipais”. “Inspeccionar esta concesión é un dereito do goberno municipal, o mesmo que a re-negociación das tarifas e a mellora e implantación de bonificacións ao transporte, como por exemplo, para familias numerosas e a tarifa plana por anticipado, non a posteriori como a última hora aplicou o PP con fins electoralistas e despois dun mandato de abandono ou mesmo desinterese polo bus urbano”, engade o candidato da Marea, que tamén cre “necesario ampliar as liñas e as frecuencias cara a Universidade, a zona hospitalaria ou os barrios periféricos”. A plataforma cidadá, así mesmo, defende a “posta en marcha de roteiros prioritarios para peóns e bicicletas e a creación de aparcamentos achegados a puntos de conexión de autobuses públicos ou de chegada do desexado tren de cercanías para evitar a entrada masiva de coches na urbe, ofrecendo unha alternativa áxil e o máis económica posible a todas as persoas que teñan que moverse pola cidade”.

O bus urbano: primeira opción de mobilidade