Saltar ao contido
Autobús urbano de A Coruña en una parada.

É un dos acordos que a alcaldesa asinou para facer posible a súa investidura, incumprido máis de dous anos despois, pese á necesidade de fomentar o transporte público

María García: “Xulio Ferreiro baixou o bus por primeira vez en 30 anos, e a decisión foi avalada pola Xustiza. Non hai escusas para non introducir novas melloras na tarifa”

O grupo municipal da Marea Atlántica preguntará no vindeiro Pleno cando ten pensado Inés Rey cumprir a súa palabra e desbloquear os novos descontos no billete do bus urbano para persoas maiores de 65 e menores de 25 anos. “Comprometeuse a facelo nos acordos asinados coa Marea Atlántica en xuño de 2019 para permitir a súa investidura como alcaldesa. E máis de dous anos despois, segue sen cumprilo. En todo este tempo, non houbo unha soa mellora no transporte público”, tal e como sinala a nosa voceira, María García.

A portavoz da Marea Atlántica lembrou que “a tarifa do bus baixou na Coruña durante o mandato de Xulio Ferreiro, por primeira vez en 30 anos, e iso traduciuse no aumento dun millón de viaxes no ano 2019”. Agora, a Xustiza avalou esta decisión, que non lle custou un peso ao Concello, xa que o desconto foi a cargo dos enormes beneficios da Compañía de Tranvías, ata 30 veces superiores á empresa de transporte público de Vigo.

“Cunha sentenza favorable sobre a mesa, non hai motivos para non facer novos descontos por tramos de idade. E menos tras a pandemia, cando a aposta polo transporte público debería reforzarse, por ser a única política de mobilidade que é accesible a todo o mundo, sexa cal sexa a súa idade, condición física ou económica”, explica María García.

A sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 4 que defendeu a baixada do bus deixa claro o “beneficio extraordinario ou excepcional por excesivo” da Compañía de Tranvías e sinala que “entra dentro do razoable e proporcionado que o Concello poida revisar as tarifas (…) sendo desproporcionado o equilibrio entre o beneficio da Compañía e o interese público da cidadanía”.

Outros acordos incumpridos

Pero o certo é que, desde que goberna o PSOE, non houbo unha soa mellora no servizo de bus urbano, e as declaracións do executivo local tenden a xustificar o beneficio de Tranvías. E que as bonificacións para maiores de 65 e menores de 25 non son o único acordo que Inés Rey incumpre en materia de mobilidade. 

Segue pendente implantar unha tarxeta Millennium Sen Barreiras para persoas en situación de vulnerabilidade e con diversidades funcionais, recuperar o bus nocturno tras a pandemia e ampliar o seu horario na fin de semana, crear unha nova liña que conecte as vías de entrada da cidade coas estacións de bus, tren e co polígono de Agrela, poñer en marcha a app Millennium Próxima para pagar o billete co móbil… Todas estas medidas forman parte dos acordos para a investidura e a aprobación dos Orzamentos 2020. Acordos que avanzan con demasiada lentitude.

A gran débeda metropolitana

A conexión da Coruña coa súa contorna e a creación dunha autoridade única de transporte tampouco progresaron nos últimos anos, aínda que neste caso a maior parte da responsabilidade recae na Xunta de Galicia. As únicas melloras foron as puntuais conexións metropolitanas do bus urbano da Coruña con Meicende e Santa Cristina, que naceron de convenios asinados durante o mandato da Marea Atlántica. 

A primeira delas, por certo, foi tamén avalada por unha sentenza xudicial o pasado mes de marzo. Nin Inés Rey nin Feijóo avanzaron máis neste eido e, como sinala María García, “o único cambio substancial na mobilidade metropolitana nos dous últimos anos foron os atascos de Sol y Mar. En lugar de avanzar, imos a peor”. Por iso estamos a facer o posible para impulsar a creación dunha verdadeira Área Metropolitana. 

Cando pensa Inés Rey aprobar os novos descontos no billete do bus para maiores de 65 e menores de 25?