A pesar das declaracións de Inés Rey, o goberno local non resolveu os impagos das novas altas na prestación e prórrogas concedidas nas últimas semanas. Os nosos votos están dispoñibles para dar unha soluciónAs
Esiximos a constitución e convocatoria urxente da Comisión de Benestar Social, para que a concelleira Yoya Neira explique por que lles nega a persoas en risco de exclusión os recursos aos que teñen dereito
O grupo municipal da Marea Atlántica denuncia que continúan a producirse atrasos e impagos na Renda Social Municipal. As novas prestacións concedidas, e as prórrogas de persoas que superaron os seis meses non cobraron nas últimas semanas a axuda que lles corresponde. A pesar de que a alcaldesa, Inés Rey, prometera o 23 de agosto resolver o problema “ao día seguinte”, segue habendo persoas en risco de exclusión que teñen dereito recoñecido a unha prestación e non a están a cobrar.
A situación é moi grave, e require solucións rápidas. Urxe tamén constituír e convocar a Comisión de Benestar Social para que a concelleira Yoya Neira explique por que en tres meses non foi quen de normalizar o pago das prestacións. Se estamos ante un problema de xestión, é responsabilidade súa resolvelo. E se o problema é a falta de crédito nos orzamentos prorrogados, repetimos que os nosos votos están a disposición para un modificativo para dotar ás axudas dos fondos necesarios.
Un risco do que advertimos en xuño
Xa en xuño, tanto no traspaso de poderes como nas negociacións do acordo para o inicio do mandato, trasladámoslle ao Partido Socialista da Coruña que existían problemas de crédito, causados polo o bloqueo dos Orzamentos 2019. Ao ter que prorrogar os orzamentos, os 1,6 millóns que se estimaban necesarios necesarios para a Renda Social no 2019 quedaron en 1.028.393,84, un 35% menos. En situación similar se atopan as axudas de emerxencia, que deberan ter 1,1 millóns de euros reservados, pero quedaron en 804.000 € (-20%).
Unha vez máis, lembrámoslle ao PSOE da Coruña que pode contar cos nosos votos para resolver o problema, pero ten que actuar xa. A súa falta de xestión estana a pagar as persoas que teñen na Renda Social Municipal o seu último recurso para fuxir da pobreza, pois é a axuda que lle queda a quen xa lle denegaron outras prestacións máis restritivas como a Risga da Xunta.