Trasladámoslle a todos os grupos municipais e administracións implicadas un documento que actualiza a proposta presentada por Xulio Ferreiro en 2017 e o último acordo unánime do Pleno da Coruña, nacido en decembro dunha moción da Marea Atlántica
María García: “Pedimos que se teña en conta na xuntanza do 23 de febreiro, para rachar os convenios de 2004, integrar o porto desde o público, gañando espazos sen perder emprego”
Recolle os principais consensos dos últimos anos: condonación da débeda, uso e titularidade pública dos peiraos, protección e impulso da pesca e as economías do mar, conexión ferroviaria a Punta Langosteira e participación cidadá
A voceira da Marea Atlantica e presidenta da Comisión Especial do Bordo Litoral no Concello da Coruña, María García, presentou hoxe en rolda de prensa un protocolo para orientar a transformación dos peiraos interiores e a súa integración na cidade, lonxe da tentación de facer caixa coa venda e privatización do solo. Este documento foilles enviado a todos os grupos municipais e institucións implicadas: Autoridade Portuaria, Xunta de Galicia, Portos do Estado e ADIF, para que poidan valoralo e telo en conta na xuntanza prevista o 23 de febreiro.
O texto recolle os consensos dos últimos anos, tomando como base o protocolo que Xulio Ferreiro presentou en 2017 e o último acordo unánime do Pleno, acadado o pasado decembro a partir dunha moción da Marea Atlántica. “Cremos, sinceramente, que esta é a mellor vía para rachar os convenios de 2004 e gañar o porto para A Coruña: desde o público, abríndoo á cidade e gañando espazos sen perder a súa forza como motor de riqueza e emprego”, explica María García.
O protocolo recolle os consensos sementados nos últimos anos e recollidos en diversos posicionamentos do Pleno do Concello, a Deputación e o Parlamento de Galicia, con ideas centrais moi claras: condonación da débeda para levantar a hipoteca sobre os peiraos, financiamento da conexión ferroviaria ao Porto Exterior para facelo viable, uso e titularidade pública dos terreos para evitar que se especule, protección e impulso da pesca e as economías do mar e participación cidadá. Os eixos polos que loitou o goberno da Marea Atlántica,
A concelleira insistiu en que a reordenación do porto significa “que a Coruña gañará case medio millón de metros cadrados que debe xestionarse co ben común por diante”. Iso significa “renunciar a facer caixa vendendo o solo e apostar por mellorar a mobilidade, construír novos equipamentos públicos e espazos libres, e mellorar a integración nos barrios e a área metropolitana”.
Compromisos concretos
Con esta perspectiva como eixo central, o protocolo elaborado pola Marea Atlántica propón compromisos a asumir por todas as administracións implicadas. Son os seguintes.
- Deixar sen efecto os convenios de 2004, asinados coa única fin de especular co bordo litoral da Coruña.
- Manter o uso e a titularidade pública dos terreos portuarios, con independencia do ente xurídico que xestione a súa transformación.
- Condonación da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña, do mesmo xeito que en Valencia, ou axudas económicas equivalentes por parte do Estado, antes de que remate 2021.
- Financiamento da conexión ferroviaria ao Porto Exterior de Punta Langosteira por parte do ADIF e licitación da obra antes de que caduque a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto, o que acontecerá en xuño deste ano.
- Nos peiraos de Calvo Sotelo e Batería deben primar os espazos libres e os equipamentos singulares, preservando os elementos históricos. Sen construción de vivenda.
- Nos peiraos de San Diego e Petroleiro, as prioridades deben ser manter a pesca e os usos produtivos relacionados coa innovación e as economías do mar, a maiores doutros equipamentos públicos. Sen construción de vivenda.
- Garantir que os terreos da Solana, xa desafectados do dominio público portuario, pasen a mans do Concello da Coruña como dominio público local, a través da cesión gratuíta. Dáse así cumprimento á modificación puntual del PXOM aprobada polo Pleno o 16 de xaneiro de 2020, impedindo manobras de compravenda e especulación.
- Creación dun consorcio ou ente público para xestionar os terreos que sexa preciso desafectar, presidido polo Concello da Coruña e do que formen parte a Xunta de Galicia, Ministerio de Fomento, Deputación, Puertos del Estado, Autoridade Portuaria e ADIF. A súa misión será garantir a titularidade pública dos terreos e a iniciativa e control públicos da transformación do bordo litoral.
- As distintas administracións deben contribuír aos gastos netos de urbanización dos espazos desafectados, en función dos usos, e procurando financiamento dos Fondos Next UE.
- Establecer un calendario para dar cumprimento ás obrigas recollidas neste protocolo.
- Garantir a máxima transparencia e participación cidadá en todo o proceso.