As nosas propostas: supresión do co-pagamento na axuda a domicilio, ampliar as rebaixas na auga, o lixo e o saneamento para as rendas máis baixas e bonificar o uso de composteiros
O grupo municipal da Marea Atlántica insta ao goberno do PSOE a saír da pasividade e modificar as ordenanzas fiscais do Concello para facelas máis xustas e progresivas, na liña seguida durante o mandato de Xulio Ferreiro e das propostas trasladadas ao actual goberno local o pasado 15 de outubro. Serán medidas que non dan fotos, pero que son moi necesarias nunha cidade na que a taxa de risco de pobreza sitúase no 21,1%. Así, propoñemos que Emalcsa garanta o mínimo vital de auga para todos os fogares, a eliminación do co-pagamento no Servizo de Axuda no Fogar, unha bonificación na taxa do lixo para os composteiros, a elaboración dun censo actualizado de vivendas baleiras e o reforzo da inspección tributaria.
Solicitámoslle ao executivo local que asuma estas medidas para beneficiar ás persoas máis vulnerables, en lugar de prexudicalas como fixo coa xestión das bolsas comedor, os impagos da Renda Social Municipal e as axudas de emerxencia e o peche do Centro Abeiro. E, para facer valer o peso da Coruña, instamos tamén a convocar canto antes o Pleno Extraordinario sobre os Orzamentos da Xunta, solicitado pola Marea Atlántica e o BNG.
Mínimo vital e eliminación do co-pagamento
Deste xeito e como xa fixeron cidades como Cádiz, Córdoba e Sevilla, propoñemos que a ordenanza fiscal nº 5 garanta o Dereito Humano a Auga, recoñecido pola ONU, e explicite que toda a veciñanza da Coruña terá garantido o “mínimo vital” que a Organización Mundial da Saúde fixa en 100 litros por persoa e día. Supón consolidar a medida que o goberno da Marea Atlántica aprobou xa en 2015, para que non se lle corte a auga ás persoas en risco de exclusión, beneficiarias da RISGA ou a Renda Social Municipal. Ademais, propoñemos incrementar o número de persoas beneficiarias das bonificacións nas taxas da auga, o lixo e o saneamento, elevando os limiares de renda por debaixo dos cales as persoas se se poden acoller tanto á cota cero como á reducida.
Tamén recollemos unha das nosas propostas electorais: a eliminación do co-pagamento na axuda a domicilio, na que xa hai moito traballo adiantado do goberno anterior. Este servizo é básico para que as persoas que se atopan nunha situación de dependencia poidan ter unha vida digna. Emprégano 1.400 persoas na nosa cidade, a maioría mulleres, e cunha renda media de menos de 980 euros ao mes. A Xunta obriga a cobrar polo Servizo de Axuda no Fogar, pero faino con decretos que invaden competencias municipais. Por 500.000 euros ao ano e unha modificación da ordenanza fiscal 18, o Concello podería suprimilo por completo.
Ademais, por xustiza ambiental, propoñemos dar un primeiro paso cara á modificación da taxa do lixo para que pague máis quen máis residuos produce. A nosa proposta é que as persoas que instalen composteiros para os seus orgánicos, teñan unha bonificación entre un 25% e un 50% na ordenanza fiscal número 6.
Para garantir o Dereito á Vivenda, xa no anterior mandato, incrementamos ao 50% (o máximo legal) o recargo para as vivendas baleiras, pero non pode aplicarse porque nin a Xunta nin o Estado cumpriron a súa obriga de regular que se considera unha vivenda baleira. Para afondar na necesidade de dar este paso, propoñemos elaborar un censo dos inmobles deshabitados na nosa cidade, dos que se calculan uns 18.000. E para ter a seguridade de que estes cambios chegan, pedimos un reforzo da inspección tributaria coa contratación de dúas persoas.
Continuar coas reformas do anterior mandato
Estas propostas buscan afondar no traballo realizado durante o goberno de Xulio Ferreiro, cando se introduciron varias reformas nos tributos municipais para facelos máis xustos e progresivos. Así, incrementouse ao máximo a bonificación do IBI para as vivendas protexidas (pasando de 5 a 7 anos) e baixóuselles tamén o imposto sobre construcións. Tamén se lle baixou o IBI ás familias numerosas (incorporando criterios de renda) e ás actividades pesqueiras, mentres se penalizou aos vehículos con maior potencia e máis contaminantes no IVTM, beneficiando aos eléctricos e híbridos. E como xa se indicou, baixouse a taxa da auga e garantiuse a cota cero para as persoas en situación de vulnerabilidade, entre outras medidas que se poden ver no documento adxunto.