Saltar ao contido

Desde www.xanxove2023.gal xa se pode acceder ao novo deseño e os novos contidos da nosa páxina, que conserva tamén todo o seu contido histórico e hemeroteca 

Xan Xove: “Actualizamos a web coma a nosa lista electoral, con novas caras e propostas, pero mantendo o compromiso co camiño percorrido e cunha cidade xusta, verde, feminista e democrática”


O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, e a voceira municipal da organización, María García, presentaron hoxe o novo deseño da páxina web www.xanxove2023.gal. O portal renova o seu aspecto gráfico, céntrandose na nosa lista e as nosas propostas para as vindeiras eleccións municipais, e introducindo a posibilidade de achegar ideas para o programa participativo, dentro do proceso que comezamos o 4 de febreiro en Monelos, canda un cento de persoas e unha vintena de organizacións.

“Renovamos a web igual que renovamos á candidatura da Marea Altántica, con novas caras e novas ideas, pero co mesmo compromiso cunha cidade xusta, verde, feminista e democrática, e co camiño que nos trouxo ata aquí. Conservamos todo o que publicamos desde o comezo da Marea en 2014, desde aquel manifesto e aquel encontro na Ribeira do Cómaro, porque desde aquel día seguimos defendendo e desenvolvendo as mesmas ideas”, explicou Xan Xove durante a rolda de prensa. 

Así, xa está aberto o espazo destinado a recoller achegas para o programa participativo. Aí presentamos os nosos eixes de traballo, por unha cidade máis xusta, verde, feminista e democrática, e relacionámolos cunha nube de ideas e conceptos, segundo o que se nos trasladou en Monelos. Unha nube que calquera pode axudar a completar achegando as súas propostas e preocupacións a través dun sinxelo formulario.

Xan Xove lembrou que “o proceso de programa non remata aquí, seguiremos mantendo xuntanzas con colectivos e nos barrios da Coruña durante os próximos dous meses, pero queremos deixar un espazo sinxelo para que calquera persoa poida dicirnos como imaxina A Coruña da vindeira década. Cantas máis voces, mellor”.

A web da Marea Atlántica é tamén un repositorio de información e serve para consultar o histórico do traballo da nosa organización municipalista.Cada mes recibe a visita de entre 2.000 e 2.500 usuarios únicos, que superan as 4.000 páxinas vistas, e reciben unha media de 20 actualizacións. “Dá unha idea de que a Marea non para”, como afirmou Xove.

Tamén cómpre salientar que esta nova web foi desenvolvida con ferramentas de software libre e está optimizada para ocupar o mínimo espazo de datos. Deste xeito, non só permite unha navegación máis rápida, tamén reduce a súa pegada de carbono o máximo posible. “Cando apostas por unha cidade verde, estes detalles importan”.

Unha candidatura plural, solvente e escollida en primarias

Pola súa banda, María García quixo salientar o novo espazo para coñecer mellor as dez persoas que abren a candidatura da Marea Atlántica. Unha lista que se ampliará no futuro, e que “foi escollida hai meses nun proceso democrático de primarias e de escoita no seo da Marea Atlántica. Unha candidatura plural, con representación da sanidade, o ensino, a cultura, o feminismo, o ecoloxismo, os barrios e os movementos sindicais e veciñais”. 

A nosa voceira tamen explicou que contamos “cun cabeza de lista, Xan Xove, que ten anos de traxectoria traballando na rúa, como activista, como músico, como deputado, como sindicalista e, por suposto, como carteiro. Por iso está a ser moi ben recibido pola cidadanía, como demostran as enquisas: o noso candidato é o único que mellora a súa valoración e a Marea Atlántica a forza que máis medra en estimación de voto desde decembro”.

Aí están tamén Bea González de Canales, enfermeira da sanidade pública e voz incansable de Cuac FM; Rodri Gil, educador social e sostén da nosa Oficina dos Dereitos; Chiqui García, arquitecta cunha visión humana e integral da cidade; Victoria Mejuto, técnica auxiliar de enfermería e activista incansable en Palavea; Javi Pérez, profesor e defensor do ensino público; Marta Cortacans, deseñadora e loitadora feminista; César Pena, activista do gráfico e o político, e extenente de alcalde en Mugardos; Carmen Villar, sindicalista e unha das persoas responsables de que teñamos Renda Social Municipal na Coruña; e Alfonso Mascuñana, o nome que non falta en ningunha causa xusta.

Neste sentido, Xove agradeceu as palabras e comprometeuse a “traballar coma é característico na Marea Atlántica, na web e nas redes, pero tamén nas rúas e nos barrios, a carón nos movementos sociais e apoiando mobilizacións coma a de onte en Compostela, con 50.000 persoas defendendo a sanidade pública e unha Atención Primaria digna fronte aos recortes do PP na Xunta”. E concluiu sinalando que “todo isto farémolo desde o punto azul da Marea Atlántica. A única alternativa útil e leal á veciñanza ás papeletas de sempre”.

Renovamos a nosa web, centrada na candidatura de Xan Xove e na recollida de ideas para o programa partipativo