Saltar ao contido
Planta de Nostián

“Pasou un ano e o PSOE aínda non levou a licitación o novo contrato para a planta, que deixamos redactado do mandato anterior”,  sinala María García

A intervención da planta de tratamento de residuos caduca o 31 de agosto, e o goberno estuda agora un contrato ponte de emerxencia que xa lle propuxemos hai seis meses

O grupo da Marea Atlántica insta ao goberno municipal normalizar canto antes a situación da planta de Nostián. Caducará o 31 de agosto, a intervención pola que o Concello asumiu a xestión directa das instalacións desde o 1 de xaneiro sen que se producise ningún avance. “Pasou un ano de goberno e o PSOE aínda non iniciou a licitación do novo contrato, e iso que deixamos os pregos listos do mandato anterior, en colaboración co Consorcio das Mariñas e pactados coas forzas sindicais”, lembrou a nosa voceira, María García.

O goberno municipal leva á Xunta de Goberno Local que se celebra mañá a proposta de asinar un convenio co Consorcio das Mariñas contemplando a tramitación dun contrato de emerxencia, que foi rexeitada cando a propuxemos en novembro. Pero que agora se amosa como a opción máis razoable.

A intervención de Nostián por parte do Concello caduca o 31 de agosto e , polo de agora, deu para pouco máis que unha foto da alcaldesa, pero non serviu para renovar a xestión da planta e superar a concesión a Albada, empresa caracterizada polas súas chantaxes e actitude hostil. Actitude que pode retomar agora, volvendo ameazar con despidos ou con non aceptar o lixo chegado do Consorcio das Mariñas, como xa fixo o ano pasado.

O goberno local tivo outras prioridades

Somos conscientes de que a pandemia de COVID19 dificultou as cousas, pero non pode ser empregada como escusa neste caso. Nos tres meses previos ao estado de alarma, o goberno municipal tampouco fixo avances. Pero si tivo tempo, en plena crise, para sacar a licitación un novo contrato de propaganda dun millón de euros, o dobre que no mandato de Xulio Ferreiro, ou para procurar un convenio con Tragsa que se solapa irregularmente co servizo de limpeza viaria.

Desde a Marea Atlántica volvemos tender a man e ofrecer toda a nosa colaboración para superar esta situación, como fixemos desde un primeiro momento. Deixamos os pregos listos e avisamos dos riscos de manter a concesión a Albada no traspaso de poderes.

O goberno do PSOE ten que normalizar a situación en Nostián canto antes