Tras reunirse co Comité de Empresa ao completo, María García advirte de que “está en risco o modelo de xestión de residuos da Coruña mentres o goberno municipal amosa un rumbo errático. É unha irresponsabilidade”
A planta atravesa unha grave situación técnica, laboral e política, coa posible saída de Cambre e Culleredo
A Marea Atlántica quere dar a voz de alarma ante a grave situación técnica, laboral e política que atravesa Nostián, e denunciar que non se renovará o contrato da planta neste mandato pola irresponsabilidade de Inés Rey. “Está en risco o modelo de recuperación de residuos da Coruña, os datos de reciclaxe son cada vez peores, e o goberno local leva dous anos de brazos cruzados, desprezando o traballo herdado pero sen ofrecer un modelo propio. É unha irresponsabilidade”, resume a nosa voceira, María García.
Tras reunirse co Comité de Empresa de Nostián ao completo, María García lembrou que “o PSOE recibiu os pregos para renovar o contrato practicamente listos no traspaso de poderes, pero non foi quen de licitalos”. Primeiro deixou caducar o contrato, despois inteveu a planta durante un ano sen facer nada máis que subir o canon que cobra a empresa Albada. E hai unhas semanas, “anunciaron que reinician o proceso partirán de cero no estudo de alternativas, un erro gravísimo que fará que Nostián continúe sen contrato ata o vindeiro mandato municipal”.
Nesta situación irregular, a plantilla de Nostián está a perder dereitos laborais e Albada dedícase a cobrar e facer o mínimo. A maquinaria está a deteriorarse, non hai investimento para substituila e os índices de recuperación de envases están empeorar gravemente. María García denuncia que, nesta situación, “a Xunta dedícase a vender o modelo de incineración en Sogama, e concellos como Cambre e Culleredo están a pensar en facelles caso, porque na Coruña ninguén lles da alternativa”.
O goberno local rexeitou a solicitude de todos os grupos da oposición para visitar Nostián de primeira man, decisión inédita tratándose de membros de Corporación e dunhas instalacións municipais. Agora, que toda a actividade se está a retomar, resulta unha escusa pobre para ocultar o grave estado da planta. “A falta de transparencia só conduce a que medre a preocupacion. Que queren ocultar?”, pregúntase a voceira da Marea Atlántica.
Na reciclaxe: retroceso sen medidas activas
Este desastre na xestión nótase tamén nos malos dato de reciclaxe: no último trimestre de 2020 recuperáronse na Coruña 56.220 quilos menos de papel e cartón ca no mesmo período do ano anterior, segundo os datos oficiais da Concellería de Medio Ambiente. Un grave paso atrás.
Na mesma cidade, coa mesma poboación, a recuperación de materiais en Nostián medrou un 30% entre 2015 e 2018, mellorando tanto a separación nos contedores como a separación na rúa. Así o indican os estudos da Universidade da Coruña. En 2017 e 2018, gobernando a Marea Atlántica, o Concello recibiu o premio Pajaritas Azules en 2017 e 2018 pola súa excelencia na recuperación de papel e cartón. Agora só recibe malas noticias relacionadas con Nostián.
Os pregos elaborados polo goberno da Marea Atlántica deseñaban un contrato de 42 millóns de euros anuais, con melloras tecnolóxicas na planta para aumentar aínda máis os índices de recuperación de materiais, así como a calidade do compost. Tamén incluía cláusulas sociais e garantías para evitar a precariedade no emprego, tal e como debe facer unha administración pública. Inés Rey rexeitou este modelo sen ofrecer polo momento alternativa de ningún tipo.