Saltar ao contido
Cartel de benvida

Europa xógase estes días a súa credibilidade. Non podemos ficar impasibles mentres a morte asexa diariamente as nosas praias

Reproducimos o manifesto elaborado polos alcaldes e alcaldesas de Barcelona, París, Lesbos e Lampedusa, e subscrito polos concellos da Coruña, Santiago, Madrid, Cádiz e Zaragoza

Europa xógase estes días a súa credibilidade. Non podemos ficar impasibles mentres a morte asexa diariamente as nosas praias, mentres milleiros de familias que foxen da guerra en África, Oriente Medio e Asia Central se amorean en portos, estacións, trens e estradas á espera dunha resposta humanitaria por parte de Europa. Non se trata dun xesto de caridade. Trátase de garantir un dereito humano, o do asilo.

Somos responsables ante a nosa cidadanía que nos exixe tomar medidas urxentes e pon á nosa disposición recursos e medios para facilitar a acollida. Somos responsables ante os países limítrofes que están acollendo refuxiados moi por riba das súas capacidades, co risco que supón para a estabilidade da rexión —só no Líbano hai 1,1 millóns de refuxiados o que representa o 25% da súa poboación—. Somos responsables ante a idea mesma que viu xermolar a Europa, fundada tras as cinsas da Segunda Guerra Mundial, a vergoña do Holocausto e a derrota dos fascismos para asegurar un futuro de paz, prosperidade e fraternidade ás xeracións futuras. Debemos estar á altura da promesa que se fixo sobre un continente en ruínas: “Nunca máis”.

A nosa maior responsabilidade é co xénero humano. Se seguimos erguendo muros, fechando fronteiras, subrogando o traballo sucio a outros estados para que sexan eles quen exerzan de xendarmes das nosas fronteiras, que mensaxe estamos lanzando ao mundo? Que rostro de Europa nos devolve reflectido un Mar Mediterráneo cuberto de corpos sen vida?

As cidades europeas estamos preparadas para converternos en lugares de acollida. Nosoutras, cidades de Europa, queremos dar a benvida aos e ás refuxiadas. Os estados son quen outorgan o estatuto de asilo, pero as cidades son as que brindan acubillo. Son os concellos das fronteiras, como Lampedusa o as illas de Kos ou Lesbos, os primeiros en recibir os fluxos de persoas refuxiadas; e son os concellos europeos quen deberán acoller estas persoas e quen deberán garantir que inician unha nova vida, xa a salvo dos perigos dos que escaparon. Para iso, dispoñemos de espazo, servizos e o que é máis importante, a vontade cidadá para facelo.  Os nosos servizos municipais están xa traballando en plans de acollida para asegurar pan, teito e dignidade a todos aqueles que foxen da guerra e da fame. Só falta a axuda dos estados.

Segundo a ACNUR, atopámonos fronte á maior crise de refuxiados desde finais da Segunda Guerra Mundial. De vostedes, os gobernos dos Estados e a UE, depende que esta crise humanitaria non se converta nunha crise civilizatoria, nunha crise daqueles valores fundacionais que forxaron as nosas democracias. Durante anos, os gobernos europeos destinaron a maior parte de fondos de asilo e migración a blindar as nosas fronteiras, a converter Europa nunha fortaleza. Esta política equivocada é a causa de que o Mediterráneo se teña convertido nunha tumba para milleiros de refuxiados que intentan achegarse e compartir a nosa liberdade. Chegou o momento de cambiar as prioridades: destinen fondos para garantir a acollida dos refuxiados en tránsito, apoien con recursos ás cidades que se ofreceron como espazos de refuxio. Non é o momento de palabras ocas, de discursos baleiros, é o momento de actuar.

O próximo luns 14 de setembro celebrarase en Bruxelas o cumio de ministros de Interior e Xustiza para abordar a crise de refuxiados. Pedímoslles que non lles dean as costas ás cidades, que escoiten o clamor que procede delas, necesitamos o apoio e a cooperación dos Estados, a Unión Europea e as institucións internacionais para asegurar a acollida. É tempo de construír a historia de Europa como queremos ser recoñecidos polos demais pobos do mundo e sermos lembrados polas xeracións de europeos que están por chegar. Non os deixen sos, non nos deixen soas.

Este manifesto foi publicado o 13 de setembro, e elaborado por Ada Colau, alcaldesa de Barcelona, Anne Hidalgo, alcaldesa de París, Spyros Galinos, alcalde de Lesbos, e Giusi Nicolini, alcalde de Lampedusa.

Subscriben tamén o texto Manuela Carmena, alcaldesa de Madrid; Xulio Ferreiro, alcalde de A Coruña; José María González, ‘Kichi’, alcalde de Cádiz;Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela e Pedro Santisteve, alcalde de Zaragoza

As cidades que queiran adherirse poden facelo a través de ciutatrefugi@bcn.cat.

Nosoutras, as cidades de Europa