Saltar ao contido

A xuíza arquiva a denuncia do PP contra Claudia Delso, pese á campaña de difamación e desprestixio que sufriu durante dous anos 

Fracasa a ofensiva xudicial da dereita, para gañar nos tribunais o que perdeu nas urnas, e para atacar un modelo de facer política baseado na honestidade e o ben común

O 23 de decembro de 2019, a Audiencia Provincial da Coruña arquivou a denuncia lanzada polo PP contra Claudia Delso. No seu auto, a xuíza deixa ben claro que non existiu prevaricación, e que o Código Penal non ten nada que dicir cando se trata de cederlle o uso dun espazo público a unha asociación sen ánimo de lucro para que o abra á cidadanía. Estaba claro desde o comezo que este sería o resultado, pero iso non impediu que o Partido Popular, encabezado por Rosa Gallego, e o seu principal altofalante mediático, La Voz de Galicia, iniciaran unha campaña de difamación.

A chamada a declarar de Claudia Delso debería ter sido en marzo deste ano, pero o PP recorreu a unha argallada xurídica para atrasar a data. O resultado foi unha foto de Claudia entrando no xulgado a defender a súa inocencia en plena campaña electoral. La Voz de Galicia magnificouno cunha portada na que dicía que a concelleira fora chamada “a xuízo” en lugar de a unha investigación previa. Rectificaron, pero o dano xa estaba feito.

Acoso desde o primeiro día

La Voz e o PP lanzaron a súa campaña desde o primeiro día que se coñeceu o resultado do concurso público (e a custo cero) para xestionar os usos do edificio, outorgado a Proxecto Cárcere. Aquel 5 de setembro de 2017 aseguraron que varias persoas do goberno de Xulio Ferreiro formaban parte dese colectivo no momento da adxudicación, algo totalmente falso. Fixeron a rectificación mínima, para evitar unha denuncia.

Foto: Proxecto Cárcere

Atacaron a Claudia Delso e ao goberno da Marea Atlántica en primeira liña, pero en realidade o ataque dirixíase contra un modelo de xestión en man común. O cárcere non se outorgou a dedo, non se lle cedeu a unha empresa para montar un parador. Púxose en mans dun colectivo para organizar actividade abertas a todo o mundo, sen que un euro cambiase de mans, e iso é o que non perdoaron.

Foron máis de dous anos de informacións interesadas e acusacións constantes, acusacións que agora quedan en nada, pero que tiveron un alto custo. Falamos de que o cárcere está agora pechado, segue precisando unha reforma integral, e perdeuse unha oportunidade de recuperar un edificio histórico, vinculado á represión na Coruña, e convertelo nun centro de actividade cidadá, xestionado pola propia veciñanza. Nós, desde logo, non perdemos de vista o obxectivo.

Neste fío repasamos toda a campaña de difamación polo uso do cárcere.

Nós, con Claudia. Non hai delito en defender o ben común