Os concellos da Coruña, Madrid, Barcelona, Compostela, Cádiz, Zaragoza e Valencia, presentaron de xeito conxunto alegacións ao Plan Estatal de Vivenda, un auténtico #PlanVoitre que recurta dereitos e alimenta a especulación.
Manifesto publicado orixinalmente no diario Público.
Agora que está a piques de aprobarse o Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, os concellos de Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, A Coruña, Cádiz e Santiago de Compostela reclamamos medidas urxentes e imprescindibles para garantir o dereito a vivir dignamente na cidade.
Para iso cómpre un cambio estrutural que potencie, en primeiro lugar, a dignificación do aluguer. Consideramos imprescindible impulsar reformas legais que protexan ás persoas que viven de aluguer. Isto significa modificar a Lei de Arrendamentos Urbanos para alongar a duración dos contratos de 3 a 5 anos, e impedir aumentos indiscriminados dos prezos entre contrato e contrato.
En países como Francia, Holanda e Alemaña os concellos dispoñen de competencias para regularen os alugueres. En España tamén deberiamos dispoñer de índices de prezos de referencia que permitan dirixir as axudas á rehabilitación aos propietarios que aluguen a prezos asumibles, e penalizar, en cambio, os incrementos abusivos das rendas. O Plan, con todo, non resolve unha cuestión tan importante como é dar seguridade ao aluguer.
Outro aspecto fundamental para promover o dereito á vivenda é o impulso dunha política fiscal que acabe coa especulación inmobiliaria. Trataríase entre outros aspectos de acabar cos privilexios fiscais das SOCIMIS, unhas empresas cuxas ganancias superan os 5.000 millóns de euros, grazas a excepcións de tributos e bonificacións fiscais e cuxo negocio consiste en converter vivendas en pisos de luxo expulsando á veciñanza e en contra do dereito á cidade.
Esta política é a mesma que promove casas sen xente regalando a tarxeta de residencia a persoas estranxeiras que compren vivendas de máis de 500.000€ e apostando porque a SAREB ceda voluntariamente as súas vivendas baleiras, cando sabemos perfectamente que estes convenios voluntarios foron un fracaso rotundo.
As cidades, en cambio, tal e como xa acontece en Austria e Canadá, esiximos que se penalice fiscalmente a compra de vivenda habitual por parte de persoas ou entidades estranxeiras non residentes, e que a cesión de vivendas baleiras da SAREB sexa obrigatoria.
Igualármonos cos países máis avanzados tamén supón converxer a nivel orzamentario. É dicir, pasar do 0’059% de investimento actual do PIB a un 1’5%. E para iso é imprescindible romper coa tendencia actual de recortes de máis de 1.000 millóns en vivenda nos últimos 8 anos. En concreto, para reverter a situación, é preciso que o orzamento para 2018 se incremente desde os 467 millóns actuais ata os 2.000 millóns de euros.
Tan só un decidido investimento será capaz de superar o ridículo 2% de vivenda pública dispoñible en España e achegarnos á media de 15% dispoñible nos países da Unión Europea. Investimento público e medidas de tipo financeiro, como que o Instituto de Crédito Oficial dispoña de liñas de financiamento específicas para proxectos de vivenda protexida; que desde o Goberno se dea apoio técnico e financeiro para solicitar financiamento e axudas europeas; e que se estableza un estudo sobre sistemas de financiamento de vivenda pública, social e asumible para conseguir a converxencia europea.
E é vital recoñecer novos modelos de tenencia, como o dereito de superficie en cesión de uso que garante a propiedade pública do chan, promovendo novas experiencias como a “ co-vivenda” ou a “ masovería urbana”.
Por último, as axudas á rehabilitación han de priorizar aos pequenos propietarios, e han de prever medidas para que as melloras que se realizan con fondos públicos non poidan repercutir nun aumento excesivo do aluguer, expulsando a veciños e veciñas. Unha rehabilitación que ha de ser proactiva, para intervir nos barrios máis necesitados, e dirixida ao aforro enerxético.
Os Concellos somos as administracións máis próximas á cidadanía e, por tanto, as que sufrimos máis directamente a falta de recursos e políticas estatais que garantan realmente o dereito á vivenda, especialmente para as unidades de convivencia máis vulnerables. Na medida que somos as cidades as que debemos afrontar directamente a emerxencia habitacional, somos as que temos o dereito e o deber de reclamar un cambio imprescindible.
Asinan:
José Manuel Calvo
Concelleiro de Desenvolvemento Urbano Sustentable do Concello de Madrid
Josep Maria Montaner
Concelleiro de Vivenda do Concello de Barcelona
María Oliver
Concelleira de Vivenda do Concello de Valencia
Pablo Híjar
Concelleiro de Vivenda e Deporte do Concello de Zaragoza
Xiao Varela
Concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda do Concello da Coruña
Eva Tubío
Concelleira de Vivenda, Cultura, Saúde e Protección Animal do Concello de Cádiz
Jorge Duarte
Concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais do Concello de Santiago de Compostela