Saltar ao contido
Mercado da Colleita, Noroeste

María García: “Temos un festival con menos concertos e escenarios, menos arriscado na programación e que parece renunciar a compromisos como a defensa dos dereitos laborais” 

Preguntarémoslle ao goberno local se non pensa manter o convenio con Músicas ao Vivo para garantir que todas as persoas que traballan no Noroeste teñan contratos legais e axustados ao convenio

A Marea Atlántica, tras coñecerse por fin o programa completo do Festival Noroeste 2022, celebra que poida manterse a aposta por un evento que convirte a cidade nun escenario de concertos públicos e gratuítos, pero lamenta que se perdan algúns dos sinais de identidade e dos valores que o converteron nunha referencia entre os festivais de verán: o Noroeste non debería ser un festival máis. 

“Entendemos que as circunstancias son complicadas tras a pandemia, pero iso non o xustifica todo. Este ano teremos un Noroeste menos expandido pola cidade, que parece renunciar a compromisos éticos coma a defensa dos dereitos laborais e que se amosa menos arriscado na programación, con menos bandas emerxentes e menor presenza da música local”, resume a nosa voceira, María García. 

Que ocorre co convenio con Músicas ao Vivo?

Preguntarémoslle ao goberno local se pensa manter o convenio coa asociación Músicas ao Vivo, asinado por primeira vez en 2017 para garantir que todas as persoas que traballan no festival Noroeste, en calquera nivel da organización, teñan un contrato legal e axustado ao convenio do sector. Non se informou ao respecto na presentación pública do 20 de xullo. 

“Este compromiso ético co emprego digno, moi necesario cando as denuncias por abusos laborais no mundo da música en directo son tan correntes, era una característica do Noroeste que habería que manter en momentos tan complicados coma os actuais. Por iso instamos ao goberno local a conservalo”, resume María García. 

Menos concertos, menos escenarios e menos artistas

Con respecto a 2019, a última edición do Noroeste celebrada sen restricións sanitarias ata o de agora, chegou a reunir a 100.000 persoas, segundo os datos oficiais, e ofreceu 90 actuacións de 75 bandas e artistas diferentes, durante seis días e en 14 escenarios da cidade. Neste ano retrocédese en todos os eidos: 51 concertos de 49 formacións, repartidos en cinco días e 10 espazos da Coruña. 

Desaparecen os escenarios da Praza das Bárbaras, San Nicolás, a rúa Torreiro, o Papagaio e o Paseo das Pontes, emblemática do Noroeste expandido e integradas na cidade. Resulta especialmente negativa a perda do Paseo das Pontes, que centralizaba o Mercado da Colleita (trasladado agora ao Campo da Leña, un espazo moito máis pequeno e menos adaptado para esta proposta) e que se celebraba nun horario axeitado para a conciliación familiar, unha franxa na que este sano se percibe unha redución de actividades. 

Porén, entre os novos escenarios, cómpre celebrar o uso do peirao de Transatlánticos no marco do festival. Unha proba máis de que para integrar o porto na cidade non é necesario que o Concello pague 15 millóns de euros e asuma unha débeda inxustificable. Con vontade política, é posible.

Parte do retroceso pode xustificarse polas dificultades de organizar eventos no verán despois do máis duro da pandemia, pero outra débese á falta de organización, con problemas coma non nomear á directora artística, Cristina Toba, ata febreiro deste ano, cando a planificación dun festival coma o Noroeste require de moitos meses de traballo.

O Noroeste, co enfoque que lle deu o goberno de Xulio Ferreiro a partir de 2016, deixou de ser unha fin de semana de concertos na praia e transformouse nun evento con valores, descentralizado, con mestura de estilos, destacada presenza de mulleres e respecto polos dereitos laborais. Foi esta combinación a que fixo do festival unha referencia en todo o Estado, polo que lle pedímos a Inés Rey, responsable das políticas culturais nun goberno que eliminou a concellería desta área, que reflexione, para non rematar convertendo o Noroeste nun festival coma calquera outro. 

Lamentamos que o Noroeste perda parte dos seus sinais de identidade e valores nesta edición 2022