Saltar ao contido

María García: “O intercambio de cromos é inadmisible: para que o Ministerio financie o tren a Langosteira, A Coruña queda sen condonación da débeda e cunha operación especulativa en San Diego”

Ábalos, Feijoo e Rey evitan falar dos seus plans para San Diego e de “rendabilizar activos”, porque saben que a cidadanía está en contra. A estratexia será outra: repartirse San Diego mentres van abrindo o escaparate do centro en Bateria e Calvo Sotelo. 

A Marea Atlántica desprazouse hoxe ao Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, para denunciar que a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Transportes, José Luis Ábalos, preparan a estratexia para vender os peiraos de San Diego e construir vivenda. Fixérono ignorando os consensos dos últimos anos e de costas á vontade cidadá, polo que a nosa voceira, María García, reclámalle a Inés Rey que consensue a Comisión do Bordo Litoral o convenio que substituirá aos desastrosos acordos de 2004. Na protesta participaron tamén concelleiras de Compostela Aberta. 

“O que se nos anunciou hoxe foi un cambio de cromos inadmisible —afirma María García—, dinnos que nos contentemos coa conexión ferroviaria a Punta Langosteria, que debería estar planeada e financiada desde 2004, e coa apertura dos peiraos do centro, a cambio de deixarlles vender e especular en San Diego” .

Na súa comparecencia, o ministro Ábalos falou dun “uso e aproveitamento razoable” dos peiraos liberados polo traslado da actividade ao porto exterior, pero evitou mencionar un atributo importante: a “titularidade pública” dos terreos. Feijóo, pola súa banda, só anunciou un “plan específico para San Diego”, sen rexeitar a venda e a privatización. Ines Rey tivo un papel totalmente secundario: “Mentres o Estado e a Xunta deciden, o Concello queda de escribano, para pasar a limpo o que lle mandan. Non pode ser”. 

“Nin sequera foron capaces de facer este anuncio na Coruña. En lugar de protexer e ampliar o papel do porto como motor económico, ampliando o espazo para a pesca e as actividades derivadas, en lugar de fomentar un centro de investigación do mar como podería ser a sede do Oceanográfico, apostan polo de sempre: vender solo para facer pisos con vistas ao mar, que poucas persoas poderá pagar”, así resume a nosa voceira, María García, o acontecido na xuntanza interadministrativa de hoxe. 

O encontro entre Xunta, Concello e Estado ofreceu poucas novidades, só unha repetición do compromiso de financiar a conexión ferroviaria ao porto exterior, pero unicamente se se conseguen fondos europeos. Se os hai, Transportes promete licitar a obra en xullo. Se non os hai, non se sabe. 

Porén, como advirte María García, “financiar o tren é de sentido común, pero será unha medida insuficiente se non vai acompañada da condonación da débeda”. Condonación, non un refinanciamento do que nunca se explican as condicións é que só supón estirar o problema durante anos. A condonación é o que A Coruña reclama desde 2015, e o caso de Valencia demostra que é posible facelo. Nós tamén reclamamos a vía valenciana”. Nin Rey, nin Feijóo, nin Ábalos quixeron hoxe asumir este compromiso na súa comparecencia pública. 

Tampouco é suficiente, como vimos nos últimos días, abrir o peirao de Transatlánticos e outros peiraos do centro para o paseo e as fotos, mentres se privatizan terreos en San Diego para contentar á hidra inmobiliaria en lugar de darlles servizos aos barrios. 

Inés Rey comprometeuse a redactar un novo convenio entre Concello, Xunta e Estado, para substituir aos pésimos acordos de 2004, no que estaban previstas 4.000 vivendas nos peiraos de San Diego. É unha oportunidade que debe aproveitarse para garantir un porto público, produtivo e aberto á cidade, e debe facerse respectando os consensos dos últimos anos. Por iso lle esiximos á alcaldesa que empregue a Comisión Especial do Bordo Litoral do Concello da Coruña para pechar o documento de acordo con todos os grupos municipais, antes de trasladarllo a outras administracións. 

 

A vía valenciana para condonar a débeda

Cómpre lembrar que a Autoridade Portuaria da Coruña asumiu un préstamo de 200 millóns de euros con Puertos del Estado para pagar as obras en Langosteira, consideradas de interese xeral. O crédito ten intereses abusivos, dez veces máis que o do Banco Europeo de Investimentos, e supón, con diferenza, a principal fonte de ingresos financeiros de Puertos del Estado, por iso non quere renunciar a el. O porto coruñés pagou xa case 40 millóns só de intereses, sen amortizar un euro. 

Pola contra, en Valencia existía unha débeda portuaria de 400 millóns, derivada de pagar a Copa América e a Fórmula 1 que se organizaron en tempos de Francisco Camps e Rita Barberá. Grazas ao compromiso das forzas políticas propias e á súa defensa do interese xeral, conseguiuse a condonación completa. É o mesmo trato que pedimos para A Coruña pero, por desgraza, aquí a alcaldesa e o presidente da Xunta prefiren xogar ás promocións inmobiliarias. 

 

Respecto aos consensos sobre o bordo litoral

A condonación da débeda do porto, e o mantemento da titularidade e xestión pública dos peiraos, son reclamacións que forman parte dos consensos cimentados na Coruña nos últimos anos, desde a mobilización social e co apoio do goberno de Xulio Ferreiro. Foron ratificados en numerosas ocasións polo Pleno municipal, a Deputación e o Parlamento de Galicia, e por 5.000 persoas na manifestación de maio de 2017. 

Desde a Marea Atlántica, coma o primeiro día, seguiremos a defender:

  • Condonación da débeda portuaria para levantar a hipoteca sobre os peiraos interiores, tal e como se fixo en Valencia. 
  • Uso e titularidade públicas dos terreos portuarios. Nada de vender solo para especular.
  • Financiamento do tren a Punta Langosteira para facer viable o porto exterior. Pode optar a fondos europeos Next Generation. 
  • Que o porto siga a ser un porto: protexamos a lonxa, a pesca e a economía do mar. Non estraguemos un motor de riqueza e emprego e un símbolo da Coruña.
  • Os terreos en desuso deben mellorar a cidade: espazos libres, zonas verdes, mobilidade sostible, equipamentos.
  • Participación cidadá, nada de agochar as decisións en despachos. 

A Marea Atlántica esixe en Santiago que Inés Rey, Feijóo e Ábalos non vendan o porto da Coruña