Xiao Varela: “Convidamos a Inés Rey a cumprir as súas promesas de campaña e completar a investigación que comezamos no anterior mandato”
Tanto o acordo de mediación co que o goberno anterior resolveu o desastre como a Lei de Réxime Xurídico do Sector Público obrigan a identificar ás persoas responsables
A Marea Atlántica insta ao goberno municipal a que cumpra o acordo de mediación que permitiu resolver o conflito xudicial sobre o edificio Conde de Fenosa e continúe coa investigación de responsabilidades nesta desfeita urbanística que a piques estivo de levar ao Concello da Coruña á bancarrota. Non só está obrigado a facelo pola letra do acordo de mediación, tamén pola Lei de Réxime Xurídico do Sector Público. Por iso non entendemos as declaracións públicas do executivo local, nas que parece disposto a deixar o asunto nun caixón.
En palabras do concelleiro Xiao Varela, “convidamos a Inés Rey a cumprir as súas promesas de campaña, cando chamaba a depurar as responsabilidades, e rematar a investigación desta licenza ilegal, asinada durante o goberno de Francisco Vázquez e con Salvador Fernández Moreda como concelleiro de Urbanismo, e aprobada nunha Xunta de Goberno Local que presidiu Javier Losada. Se non é por cumprir a súa palabra, que sexa por respectar a legalidade”, sinalou.
Resolvemos 20 anos de xuízos
Tras 20 anos de periplo xudicial, foi o goberno da Marea Atlántica quen resolveu o desastre urbanístico do edificio Conde de Fenosa, ao que se lle outorgou licenza a pesar de non respectar a normativa urbanística. A orde de derrubalo e indemnizar ás persoas propietarias de vivenda, reiterada en varias sentenzas xudiciais, ameazaba con custar 60 millóns de euros, o que deixaría ao Concello da Coruña sen capacidade de prestar servizos básicos. Por sorte, grazas a un proceso de mediación, foi posible resolvelo cunha indemnización asumible e unha serie de compromisos, entre os que se atopa investigar as responsabilidades. “Foi o goberno da Marea Atlántica o que resolveu a herdanza envelenada que nos deixou o vazquismo. Pensa agora o PSOE facer como que non ocorreu nada e lavar as mans?”, preguntouse Xiao Varela.
Ademais, e pese a que o goberno socialista recoñeceu en declaracións a prensa que non ten ningún expediente aberto, a Lei de Réxime Xurídico do Sector Público obriga ás administracións a identificar ás persoas responsables e reclamar danos e prexuízos no caso de que ter que pagar por unha neglixencia, como ocorreu no Conde de Fenosa.
A mellor maneira de demostrar que o PSOE non pensa volver ás andadas no urbanismo, cunhas prácticas que só no anterior mandato custaron 25 millóns de euros en indemnizacións, é cumprir a legalidade e poñerlle nomes e apelidos aos responsables da licenza ilegal do edificio Fenosa.