O novo presidente do Porto, Martín Fernández Prado, demostra que abrir os peiraos interiores sempre foi posible, tal e como defendeu Xulio Ferreiro
Insistimos na necesidade dun Pacto contra a Débeda que desterre as tentacións de especular co bordo litoral da Coruña
A Marea Atlántica saúda como unha boa nova o anuncio realizado hoxe polo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, quen a través da prensa promete abrir os peiraos interiores para o seu uso público en canto a pandemia o permita. É unha das medidas que a Marea Atlántica reclamou desde o goberno local durante o anterior mandato e, se chega a facerse realidade, suporá un paso máis para que a cidade recupere o seu bordo litoral.
Porén, non pode esquecerse que sobre a Autoridade Portuaria segue a pesar unha enorme débeda de máis de 300 millóns de euros, na que o Estado é o principal acredor. Abrir o valado do porto quedará nun simple xesto se non se condona o préstamo de Puertos del Estado, do mesmo xeito que en Valencia. Porque mentres haxa unha débeda imposible de asumir seguirá adiante o plan trazado en 2004, nuns convenios aínda vixentes, para facer caixa especulando cos terreos portuarios.
Este debate, urxente e moitas veces silenciado, non pode esquecerse. Por iso insistimos na necesidade dun Pacto contra a Débeda que libere a fachada marítima coruñesa de ser unha ficha no casino inmobiliario
De igual modo, tampouco pode esquecerse a conexión ferroviaria co porto exterior de Punta Langosteira. Sen ela, a nova dársena non será viable. En Castellón o Estado financia o enlace por tren, pero na Coruña non inviste nin un só euro.
Autoridades portuarias: institucións opacas e discrecionais
O anuncio realizado por Fernández Prado amosa, por unha parte, que abrir os peiraos á veciñanza é só unha cuestión de vontade política, tal e como reclamaron a Marea Atlántica e o alcalde Xulio Ferreiro nos últimos anos. O anterior presidente do Porto, Enrique Losada, dicía que era imposible e mentía, co beneplácito de quen o nomeou a dedo, Alberto Núñez Feijóo. Agora, Feijóo, responsable tamén da designación de Fernández Prado, semella ter mudado de opinión, polo ben da xente da Coruña.
Porén, este grao de arbitrariedade é un bo exemplo dos problemas que existen na xestión das Autoridades Portuarias, entidades públicas que se manexan dun modo totalmente opaco e discrecional. Tal e como demandaron os gobernos municipalistas no período 2015-2019, vai sendo hora de reformalas e empoderar aos concellos no goberno das infraestruturas portuarias.
Os comentarios están pechados.