Saltar ao contido
Cárcere da Torre

SIEPSE reclama intereses e os gastos de mantemento dun edificio que ten abandonado: reclamámoslle ao goberno que retire o asunto do Pleno na procura dun acordo máis xusto para A Coruña

Xan Xove: “O Estado volve comportarse coma o cobrador do frac. As institucións públicas non deben ter o beneficio económico como única motivación”


O grupo municipal da Marea Atlántica rexeita a proposta do goberno local para pagarlle á Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios da Seguridade do Estado (SIEPSE) de 2,3 millóns de euros polo traspaso da titularidade do antigo cárcere da Torre. Propoñemos que se retire este asunto do Pleno Extraordinario previsto para mañá na procura dun acordo máis xusto para o interese xeral da Coruña. Non só leva a pagar máis do dobre do recoñecido nunha sentenza xudicial, senón que leva ao Concello a facerse cargo dun edificio moi deteriorado que terá que rehabilitar sen ningún tipo de axuda económica. “Non nos resignamos a escoller entre un mal acordo e un convenio penoso”, afirma o noso candidato á alcaldía, Xan Xove.

“Coma no porto e na Maestranza, o Estado volve comportarse coma o cobrador do frac na Coruña, reclamando cartos ante todo e sen pensar un segundo no beneficio da cidadanía. Opoñémonos a premiar ao Estado por levar máis dunha década faltando ás súas obrigas e permitindo que un edificio de interese patrimonial coma o cárcere se deteriore ata o punto de recibir unha advertencia da Unesco”, argumenta Xan Xove. E engade que “as institucións públicas non deberían ter o rendemento económico coma única motivación”. 

Lembremos que o cárcere foi construído en 1927, en terreos cedidos polo Concello da Coruña, e tras case un século de uso penitenciario, debeu regresar á propiedade municipal. Porén, un convenio ruinoso e irregular asinado por Francisco Vázquez en 2005 e xa consolidado por sentenza xudicial obriga a cidade a pagar 1,12 millóns por recuperar o edificio. Un convenio que, como sinala o interventor no seu informe, asinouse sen respaldo do Pleno e sen partida orzamentaria que o respaldase. 

Non contento con esta cifra, o Estado reclama intereses e os gastos de mantemento desde 2011, un período no que descoidou por completo a conservación do edificio, levando ao seu grave estado de deterioro actual. Por iso, cremos que hai marxe para chegar a un mellor acordo, no que o Estado asuma as súas responsabilidades e os investimentos a facer resolvan o estado do edificio e os seus usos futuros. 

Unha campaña de difamación que se cobra o seu prezo

O cárcere só permaneceu aberto en dúas ocasións desde que deixou de ter uso penitenciario: durante un breve período en 2010, para o festival de cinema S(8), e varios meses entre 2018 e 2019, con diversas actividades sociais e culturais, por iniciativa do goberno da Marea Atlántica e coa xestión de Proxecto Cárcere.

Este último proceso foi obxecto dunha campaña de acoso e desprestixio, na que o Partido Popular mesmo chegou a presentar unha denuncia falsa, que posteriormente sería arquivada e desestimada ao non haber ningunha conduta ilegal. Daquela campaña de obstaculización derívanse moitas dificultades para recuperar o edificio hoxe en día.

Rexeitamos premiar ao Estado con 2,3 millóns polo deterioro do antigo cárcere da Torre