María García: “Desde decembro de 2015, grazas ao goberno de Xulio Ferreiro, A Coruña é unha cidade libre de herbicidas tóxicos e debe seguir séndoo”
Estes productos teñen graves riscos para a saúde e un elevado impacto ambiental, e atópase fortemente regulados
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, pregúntalle ao goberno local se vai volver empregar o glifosato e outros herbicidas tóxicos para fumigar as rúas, parques e xardíns da Coruña. O uso destes produtos na limpeza viaria foi eliminado durante o mandato da Marea Atlántica, pero o PSOE fixo un intento de reintroducilo en agosto de 2019, aínda que tivo que recuar pola presión cidadá. “Agardamos que coa entrada en vigor este mes do novo contrato de limpeza viaria, herdado tamén da Marea Atlántica, non existan tentacións de reintroducir os herbicidas tóxicos. Desde decembro de 2015 A Coruña é unha cidade libre de herbicidas tóxicos e debe seguir séndoo”, sinala García.
O glifosato e outros productos similares foron retirados das rúas da Coruña polo seu risco para a saúde —a OMS califícao de “posiblemente canceríxeno”— e polo seu elevado impacto nos solos, nas augas e na fauna, especialmente nos insectos polinizadores como as abellas. Ademais, tenden a utilizarse só por motivos estéticos, para eliminar a vexetación espontánea non desexada.
Pero existen mellores alternativas “sen impacto ambiental e con maiores garantías sanitarias e ecolóxicas, coma os medios mecánicos para arrincar a vexetación de raíz, que xa están previstos no contrato de limpeza viaria que entrou en vigor o 1 de outubro”, explica María García. A retirada de herbas terá asignadas 10 persoas de luns a sábado, con maquinaria e equipos axeitados.
A nosa portavoz lembra, ademais, que o uso de herbicidas tóxicos na rúa está fortemente regulado polo Real Decreto 1311/2012, de 14 de setembro, que obriga a elaborar un plan de traballo, informar á veciñanza con antelación e sinalizar as zonas afectadas.
O uso de produtos químicos de síntese na vexetación só está recomendado para o tratamento de pragas e enfermidades cando non hai outras alternativas, ou para a retirada de plantas invasoras coma os plumachos, outra asignatura pendente deste goberno que incumpre ademais acordos orzamentarios coa Marea Atlantica.
María García conclúe cun chamamento a “fuxir da tentación de retomar o uso de herbicidas na limpeza viaria, o cal sería unha mostra máis do nulo compromiso do goberno local coa protección do medio ambiente, cousa que parace estar empeñado en demostrar”.