Saltar ao contido
Manifestación crise covid: Hostalaría e cultura

Na actual situación de pandemia, non pode admitirse que o Concello gaste 470.000 euros en iluminación, un 40% máis ca o ano pasado

Criticamos que o Concello sexa máis áxil contratando as luces, para o que usou a vía de urxencia, que tramitando as axudas a pemes e autónomos, con 3.700 sen pagar desde xullo

 

A Marea Atlántica non asistirá hoxe ao acto de acendido da iluminación de Nadal na Coruña, por considerar que nun momento no que a crise sanitaria limita a actividade nas rúas e pon en risco o futuro de centos de pequenos negocios na cidade, non é correcto investir 469.665 euros en iluminación, un 40% máis que o ano pasado. Como sinala a nosa voceira, María García: “Eses fondos estarían moito mellor investidos en axudas directas ao comercio e a hostalería, a cultura ou no reforzo dos servizos sociais”. 

Criticamos, de igual modo, que o goberno municipal sexa máis áxil contratando a iluminación que tramitando as axudas do plan de choque contra a COVID19. O contrato das luces comezou a súa licitación en agosto e foi adxudicado en outubro, pola vía de urxencia. “Trátase dun contrato de tres anos, por un importe total de 1.408.995 euros, unha prioridade máis que dubidosa nestes momentos, nos que a crise social, sanitaria e económica súmase á crise climática que desaconsella un aumento do consumo enerxético”, di María García. 

Pola contra, a tramitación das axudas a pemes, micropemes e autónomos que forman parte do Presco, o plan de choque contra a pandemia aprobado por todos os grupos do Concello, acumulan un atraso intolerable. Poden solicitarse desde xullo e, segundo os últimos datos facilitados polo goberno municipal, só se abonaron 107 das 3.827 que se pediron, un 2,8%. 

Desde a Marea Atlántica, volvemos pedirlle ao executivo local que reduza o tempo que lle dedica á propaganda e se centre en que as axudas cheguen a quen as precisa. Hay tres semanas que propuxemos un cambio nas bases, para facer de pago inmediato até nun 98% do seu importe, sen ter que agardar á xustificación dos gastos. “É legal, viable e necesario, e non entendemos por que o PSOE se nega a escoitar”, conclúe a nosa voceira. 

Non asistiremos ao acendido das luces de Nadal e pedimos que se axilicen as axudas directas ao comercio e a hostalería