Saltar ao contido

A empresa concesionaria dos servizos complementarios das instalacións deportivas, Serviplus Total, debe parte dos salarios desde xaneiro de 2021

Claudia Delso: “Os pregos da concesión non permiten un descolgue salarial. O goberno ten argumentos de sobra para actuar e garantir os dereitos laborais”

A Marea Atlántica denuncia que a empresa concesionaria dos servizos complementarios das instalacións deportivas municipais, Serviplus Total S.L, segue a incumprir sistematicamente as condicións do contrato, débelle ao seu cadro de persoal varios centos de euros das nóminas de 2021, e négase a actualizar o correspondente ao IPC no salario de 2022. Tras reunirnos coa representación sindical da empresa, pedímoslle ao goberno local que os reciba, escoite as súas demandas e medie coa empresa para garantir o pago dos soldos que se lles adebedan. 

“As condicións están moi claras nos pregos, e a empresa non pode facer un descolgue salarial coma o que está a levar a cabo, aumentando os seus beneficios a custa do poder adquisitivo da súa plantilla. O goberno ten probas e argumentos abondo para actuar e facer cumprir a concesión, mesmo aplicando sancións”, sinala a concelleira Claudia Delso. Lembra, ademais, que o contrato remata en xaneiro de 2023 e a Concellería de Deportes debería traballar xa na súa renovación, con mellores garantías, e non deixar que caduque como ocorre habitualmente nesta área.

En xaneiro de 2021 tiveramos un encontro cos traballadores de Serviplus, quen xa daquela denunciaban irregularidades. Porén, nestes 15 meses o goberno local non fixo nada para corrixir a situación, e as irregularidades continuaron acumulándose. É grave, porque os contratos públicos deberan ser un exemplo de emprego de calidade, non de abusos laborais. 

A Marea Atlántica levará a pleno as reclamacións do Comité de Empresa dos servizos complementarios das instalacións deportivas, insistíndolle á alcaldesa e á Concellería de Deportes para que escoiten. 

Pedímoslle ao goberno local que interveña para que o persoal das instalacións deportivas municipais cobre as nóminas que se lles deben