Saltar ao contido

O 25N é o día contra as violencias machistas, pero tamén contra as súas causas e o sistema patriarcal que as permite

Non bastan con garantir a vida das mulleres, temos que loitar por unha vida digna e libre para todas

Hoxe é o día no que moitas institucións enchen a boca coa violencia de xénero e sinalan o drama que supón que decenas de mulleres morran en Galicia e no Estado a mans das súas parellas ou exparellas. Mesmo o Goberno do PP, ese que recortou nun 21% o orzamento para a prevención desta lacra social.

É hoxe tamén cando aparecen miles de anuncios e avisos chamando á reacción das mulleres que padecen os malos tratos. Moitos deles inciden na imaxe destas persoas como vítimas, mostrando bágoas, golpes e negróns, a pesar de que as organizacións feministas insisten no erro que isto supón. Algúns mesmo tentan responsabilizar as mulleres da súa situación, preguntándose por que moitas das que foron asasinadas este ano non presentaran unha denuncia previa. Coma se neste país no que vivimos iso representase unha garantía de seguridade.

Non, as mulleres non somos vítimas; somos bravas loitadoras que enfrontamos día a día o patriarcado e o réxime de terror ao que somete a moitas de nós. As que sacamos adiante, como podemos, as nosas vidas e as que de xeito crecente denunciamos os agresores. Porque queremos seguir vivas, si, pero tamén queremos ser libres.

Pero moito menos somos as responsables da violencia que os homes maltratadores proxectan contra nós. Fariamos ben se fixásemos o foco neles e nas causas que lles moven a cometer tales atrocidades: non é amor nin é paixón. É o poder e a impunidade. O medo a perder os privilexios que o sistema patriarcal tenlles reservado. É a validación dos seus actos no machismo cotián que vemos nas rúas, pero sobre todo nos medios de comunicación e nas institucións.

Se de verdade queremos loitar contra a violencia machista, non queda outra que enfrontar as súas causas. Sinalar a discriminación diaria, acabar cos privilexios que algunhas persoas teñen polo feito de ser homes e dotar de medios suficientes para a prevención das violencias machistas en todas as súas formas.

Mentres, seguirannos matando polo feito de ser mulleres. A decenas. Ímolo permitir?

#StopFeminicidio #NinUnhaMenos

Nin unha menos: querémonos vivas e libres