Saltar ao contido
Cárcere da Torre

O Tribunal Supremo desmonta a vía xurídica aberta polo PP e engade un mínimo 1,2 millóns de euros á herdanza negra de Francisco Vázquez, quen en 2005 aceptou pagar polo inmoble 

Lamentamos que a campaña de calumnias do Partido Popular e os seus altofalantes, xa arquivadas pola xustiza, dificultase a rehabilitación e reapertura do cárcere 

 

O grupo municipal da Marea Atlántica insta ao goberno de Inés Rey a abrir, canto antes, negociacións co Ministerio de Interior e coa Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios (SIEP) para conseguir a rehabilitación e reapertura do antigo cárcere da Torre co mínimo prexuízo para as arcas municipais.

Se Inés Rey ten esa “liña directa coa Moncloa” que tantas veces declara, é o momento de empregala. O tempo xoga na contra. Canto mais tarde o executivo local en negociar a cesión definitiva do antigo cárcere mais se deteriorará e mais custará rehabilitalo. Urxe actuar e recuperar para sempre este lugar que é patrimonio e memoria.

No mandato anterior, a Marea Atlántica traballou pola vía da negociación para rehabilitar o antigo penal e abrilo á cidadanía, pero a campaña de calumnias e difamacións lanzada polo Partido Popular e os seus altofalantes dificultou e dificulta este obxectivo.  As mentiras lanzadas contra a concelleira Claudia Delso e o goberno de Xulio Ferreiro xa foron arquivadas pola xustiza, pero o dano que causaron segue vixente.

Unha suma de malas xestións do PP e o PSOE

O cárcere era un edificio propiedade do Concello, que lle foi cedido ao Estado para servir como prisión. Tendo en conta que leva décadas pechado e sen exercer esa función, o xusto tería sido que o Estado llo revertera ao Concello de xeito gratuíto. Pero en 2005 o último dos goberno de Francisco Vázquez asinou un convenio ruinoso que obriga a pagar 1,2 millóns de euros para rescatar o que xa era da Coruña. 

O alcalde Carlos Negreira, do Partido Popular, abriu una vía xudicial e tentou rachar o convenio de xeito unilateral, algo que o Tribunal Supremo acaba de confirmar que non é posible, nunha sentenza contra a que non cabe apelación. Esta suma de malas xestións non deberían hipotecar os investimentos municipais, dobremente necesarios nestes momentos de crise sanitaria, social e económica que estamos a vivir.

Instamos tamén ao Goberno do Estado a non caer na tentación de facer caixa co patrimonio da Coruña, como xa fixo na Maestranza, no Porto e en tantos outros espazos, e a poñer o ben da cidadanía por diante da mentalidade empresarial.

Instamos ao goberno municipal a reactivar canto antes as negociacións para conservar e reabrir o antigo cárcere da Torre