Concepción García forma parte do equipo multidisciplinar que, baixo o nome de pescadería20, elaborou a parte do informe correspondente a Agra do Orzán dentro do proxecto “A Cidade dos Barrios” (2010). A súa análise revela serios problemas relacionados coa xestión do espazo público do barrio, así como grandes potencialidades.

Creo que o nome do estudo, Límites na densidade, fala por si mesmo. Os únicos espazos realmente públicos, libres, son a praza das Conchiñas –agora en obras– e a rúa Barcelona”. O estudo, realizado no 2010, sinala unha cifra preocupante: a praza das Conchiñas, con 3.000 , e a rúa Barcelona, con 8.500 , constitúen a única superficie de espazo libre público no barrio; o que cunha poboación cifrada en 29.139 habitantes establece unha relación de un metro cadrado de espazo público por cada tres persoas. “Na Agra a relación de metro cadrado de espazo libre público por metro cadrado edificado non cumpriría os estándares da lei vixente. A lei determina que cada tantos metros cadrados edificados ten que haber unha proporcionalidade cunha cifra de metros cadrados de espazo libre, de esparexemento. Por sustentabilidade, por saúde urbana”. Non obstante, explica, aínda quedan espazos potenciais que están infrautilizados.

IMG_3148

O máis importante dese tipo de espazos é o Parque do Observatorio, que conta cunha superficie maior que a rúa Barcelona e as Conchiñas xuntas. Concepción lamenta que este espazo, que pertence, en parte, ao Ministerio de Medio Ambiente, non estea “integrado no barrio”. “Os terreos posúen calidades intrínsecas excepcionais, non se trata dun solar máis. A súa posición privilexiada en cota alta respecto da cidade central dótano de singulares vistas sobre esta”, sinala a arquitecta. “Posúe ademais, pegadas históricas de grande calidade urbana, como o propio edificio do Observatorio, construción racionalista de principios do século XX, e unha escaleira de conexión do mesmo coa Cidade xardín, estrutura urbana excepcional, e que necesariamente debe recuperarse como paradigma dos últimos vestixios dun saber facer urbano local patrimonio de todos”. O barrio vese así seriamente ameazado por un proxecto urbanístico que pretende construír unha “urbanización de alta densidade” que levará o nome de Parque da Agra, algo que Concepción considera “un eufemismo” xa que o parque forma parte dunha “operación especulativa”.

IMG_3168

Especulativo tamén é a palabra que utiliza para cualificar o obxectivo da recente construción do aparcadoiro das Conchiñas. “É necesario liberar de coches unhas rúas tan estreitas, e por iso hai que propoñer alternativas na periferia do barrio. A Agra ten a sorte de ser un barrio final, con moito espazo baleiro na contorna, polo que cabería a posibilidade de crear aparcadoiros disuasorios sen invadir o pouco espazo público do que dispón o barrio”. Outra alternativa sería a “dinamización e mellora do transporte público” co obxectivo de reducir o tráfico de automóbiles. Preguntada pola relación entre estas intervencións e o proxecto Coruña Futura, marco da política urbanística do Concello, Concepción teno claro: “arredor da Terceira Ronda proponse o crecemento de toda a cidade futura, pero planificado nas condicións anteriores a crise económica, por iso a Agra ten que resolver os seus problemas dentro de si mesma”.

A conversa flúe e nela conflúen as ideas de todos os presentes. Falamos do Ágora, equipamento construído cunha importante financiación de fondos europeos. Concepción critica a falta de participación cidadá no proceso, xa que o diñeiro, opina, “recibiuse, entre outros aspectos, debido á densidade demográfica que ten o propio barrio, e son os propios residentes os que terían que decidir o que se fai con el”. Sinala a pouca imaxinación coa que se levou a cabo o proceso, xa que, explica, “a forma na que se realizou o Ágora foi encamiñada a facer o mínimo traballo de xestión: sacamos un concurso público e construímos no exterior do barrio, sen preocuparnos de se é realmente a mellor solución. As políticas públicas deberían estar confeccionadas doutra maneira”. É paradoxal, engade, “querer solucionar todos os problemas de falta de equipamento cultural da Agra nun espazo concentrado nos seus arrabaldes mentres que o problema do aparcadoiro se soluciona no corazón do barrio, cando debería ser xustamente ao revés”. Os efectos destas políticas maniféstanse a través das opinións da veciñanza da Coruña sobre o barrio. As enquisas da A Cidade dos Barrios amosan que tanto a rúa Barcelona como a praza das Conchiñas figuran entre os lugares de menor interese para os coruñeses.

IMG_3203

A Agra forma parte da idiosincrasia, da socioloxía coruñesa”, subliña, porén, a arquitecta. É un barrio cunha forte cultura popular que se podería aproveitar. Hai un cosmopolitismo que non existe no resto da cidade e pode converterse nun activo. Habería que afondar e aproveitar estas redes de convivencia tecidas pola propia cidadanía”. A conversa vaise movendo, inevitablemente, cara o eido económico. Como se financiaría este modelo alternativo? “Como xa dixen, a Agra do Orzán conta con fondos europeos, xa que un dos criterios máis importantes para distribuílos é o da densidade de poboación.”