Saltar ao contido

A Marea Atlántica é un chamamento cidadán a construír entre todos e todas, con xenerosidade e dende a diferenza, un espazo de confluencia que sexa capaz de rescatar a democracia e poñer as institucións ao servizo da maioría social nas eleccións municipais do ano vindeiro.

Agora mesmo, os retos inmediatos que se propón a Marea Atlántica son dous: recabar 2.500 sinaturas antes do 1 de outubro, como aval para continuar co proceso, e contrastar coa cidadanía, barrio a barrio e sector a sector, o desexo enunciado no manifesto: A Coruña para o 99%.

As mareas son o pulmón do proceso. Asembleas abertas nas que empezar a construír dende abaixo un proxecto alternativo de cidade, sen exclusións, para ese 99%. A primeira marea que convocamos é no teu barrio, na Agra do Orzán. E o desafío merece contar contigo. Porque coñeces de primeira man cales son as prioridades e tes dereito a imaxinar as cousas doutro xeito.

Este mércores 20 de agosto, ás 20.00 horas, tes unha cita co futuro do teu barrio na confluencia das rúas Cuba e Barcelona.

Chegou a marea.

Na Agra do Orzán vai subir a marea