Saltar ao contido

O Plan de Contratación do goberno local prevé volver deixar a concesión en mans privadas despois de que caduque este 25 de maio, en lugar de apostar pola xestión pública

 Tras reunirnos con traballadores do polideportivo, constatamos que non teñen ningunha información sobre o seu futuro nin dos plans da alcaldesa para San Diego

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e a concelleira Claudia Delso, reuníronse hoxe con traballadores do polideportivo de San Diego para informalos da intención do goberno municipal de volver deixar en mans privadas estas instalacións, en lugar de municipalizalas cando remate a concesión, este mesmo 25 de maio. Na xuntanza puideron comprobar que o cadro de persoal aínda non ten confirmación de cal vai ser o seu futuro. 

“Inés Rey garda silencio, pero os documentos deixan claras as súas intencións. O contrato de San Diego é un dos que aparecen no Plan de Contratación do goberno para 2021, demostrando que renuncian á xestión municipal do polideportivo”, denuncia Claudia Delso. María García engade que “non ten sentido que se desaproveite a oportunidade de unificar a xestión das instalacións deportivas do Concello, apostando por un modelo público máis eficiente e con mellores servizos”. 

A empresa municipal EMVSA pode encargarse de xestionar San Diego, igual que o fará co polideportivo do Castrillón se o goberno completa algún día a transferencia de capital pendente desde o mes de decembro, como mostra do prezo que paga a cidade por un goberno incapaz de aprobar orzamentos en 2021. Facelo deste xeito tería un menor custo para as arcas municipais e evitaría problemas coma os que se viviron coa actual concesionaria.


Incumprimentos da concesionaria

Doutra banda, a empresa SUPERA, actual concesionaria de San Diego, segue acumulando incumprimentos do prego e dos dereitos laborais, ao tempo que se deterioran as instalacións. Neste tempo, o executivo local non fixo nada para fiscalizar a situación, a pesar das nosas moitas advertencias.

Exixímoslle a Inés Rey a Inés Rey que recapacite e municipalice a xestión do polideportivo de San Diego