Apoiamos a reclamación de Libera para pedirlle ao goberno local un cambio de rumbo nas instalacións da canceira en Bens, cunha xestión 100% pública apoiada por programas de voluntariado
Máis de 42.000 sinaturas sumáronse á proposta que xa se trasladou a todos os grupos da oposición en María Pita
A Asociación Animalista Libera e o grupo municipal da Marea Atlántica mantiveron nun novo encontro de traballo para avanzar na proposta que o colectivo en defensa dos animais ten para municipalizar a canceira, cuxa concesión finaliza en 2021.
A Marea Atlántica e Libera coinciden en que unha xestión 100% pública, apoiada por programas de voluntariado e colaboración con entidades protectoras, daría resposta a crecente demanda social que esixe mudanzas de fondo nas intervencións das administracións públicas en materia de benestar animal, e subliñaron os importantes avances acadados no anterior mandato, como o incremento nun 67% do número nas entregas de cans extraviados ás súas familias.
O colectivo animalista xa reuniu máis de 42.000 sinaturas e mantivo encontros coa totalidade dos grupos políticos da oposición en María Pita, para presentarlles a súa campaña para acadar un centro municipal de acollida público e baixo xestión directa do Concello, lembrando que na institución local existe experiencia para levar adiante este traballo cando finalice o contrato que leva vixente dende 2006.
O encontro tamén serviu para valorar os primeiros meses de goberno do PSOE e as propostas que poderían poñerse sobre a mesa para implantar políticas públicas de benestar e protección dos animais na Coruña para 2020.