Saltar ao contido

Propoñemos axudas de ata 15.000 euros para financiar novas actividades, xunto cun programa de compra de inmobles para alugalos a prezos asequibles

María García: “Hai polo menos un milleiro de comerciais baleiros na cidade, unha sinfonía de persianas baixadas con consecuencias no tecido económico e no espazo público”

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, presentou hoxe en rolda de prensa a iniciativa Mover os Baixos, un plan para recuperar os moitos baixos comerciais que se atopan baleiros na Coruña. “Propoñemos integrar no Presco axudas de ata 15.000 euros para financiar novas actividades en baixos comerciais sen uso, e abrir un programa de compra de inmobles para alugalos a prezos asequibles”, explicou María García. 

Este plan serían complementario ás axudas directas a pemes e autónomos que xa se outorgaron no Presco, e servirían para actuar directamente sobre o problema dos locais baleiros, “que non só ten consecuencias no tecido económico, tamén para os barrios, co deterioro dos servizos de proximidade, das redes comunitarias de apoio e mesmo do espazo público”. 

Por iso, a nosa voceira instou ao goberno municipal a considerar esta proposta e a axilizar dunha vez a tramitación do Presco: o de 2021 case non tivo avances a 26 de abril, e o de 2020 continúa con centos de axudas sen pagar.  Trasladaremos a proposta de Mover os Baixos por rexistro ao executivo local e ao resto de grupos da corporación, e tamén ás principais asociacións comerciais da Coruña, para coñecer as súas achegas. 

Para García, “a crise económica que nos deixa a COVID estase a sumar a anos de políticas desafortunadas, que impulsaron os grandes centros comerciais e prexudicaron aos pequenos negocios de proximidade, e por motivos que nada teñen que ver co comercio, senón cos pelotazos da construción. Políticas que, por desgraza, Inés Rey quere repetir na Intermodal ou no porto”. 

Subvencións de actividade e compra de locais

O plan Mover os Baixos contaría con subvencións de ata 15.000 euros para poñer en marcha novas actividades en locais baleiros, ou reconverter os que estean en activo para garantir a súa supervivencia. Financiarían as obras de reforma, a adquisición de equipos e de stock, entre outros criterios. 

Poderían beneficiarse destas subvencións actividades coma o pequeno comercio, os servizos como a perruquería ou estética, as actividades culturais, os espazos de coworking e os equipamentos sociais. Este mesmo ano pode estar en funcionamento a nova liña de subvencións. 

Mover os Baixos incluiría, tamén, un plan de compra de locais baleiros por parte do Concello, mediante concorrencia competitiva, para aumentar o patrimonio municipal, e poñelos en aluguer a través dunha bolsa pública, garantindo espazos en boas condicións e con alugueres a prezos adsequibles. 

A sinfonía das persianas baixadas

A nosa portavoz sinalou que, segundo os últimos estudos, esixten máis dun milleiro  de baixos baleiros na Coruña. A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) sinala 1.150, e a asociación empresarial Ascega eleva esa cifra ata 1.250 só no centro da cidade. “É unha sinfonía de persianas baixadas que todo o mundo pode escoitar nesta cidade e que, por desgraza, cada día se está a facer máis forte. O Concello ten que implicarse e tender a man, como está a facer o de Barcelona”. 

Para actualizar estes datos e traballar coa maior precisión, urxe que o goberno municipal dea a coñecer o estudo de locais comerciais baleiros que estaba incluído no Presco 2020, e do que por agora non se coñece ningunha información. 

Estase a producir, ademais, unha tendencia á reconverter baixos comerciais en vivendas, unha política preocupante por que reduce os estándares de habitabilidade e aumenta a desigualdade. E que foi mesmo reclamada pola concelleira Mónica Martínez, cando aínda era de Ciudadanos, nunha moción que o goberno municipal aplaudiu. “Na Coruña hai vivendas baleiras abondo, máis de 20.000, e o que urxe é recuperalas, non habilitar espazos que nunca estiveron pensados para vivir”. 

“Na situación actual, a xente precisa toda a axuda posible das institucións. E o Concello, a máis próxima, debería estar a tenderlle a man á veciñanza. Pero non é así. Remata abril e seguimos sen orzamentos por decisión unilateral da alcaldesa e cun Presco que non pasa da propaganda”, explicou María García. E engadiu que “as axudas ‘urxentes’ xa chegaron tarde para as librarías, e parece que van chegar tarde para a hostalería, a medida que se levantan restricións. Moitos dos locais que precisaban axuda xa están pechados, e seguirán outros. Pedímoslle a Inés Rey, de novo, empatía e traballo, que non pense só en pelotazos urbanísticos e fotos con autoridades. Que pense na veciñanza da Coruña”. 

“Mover os Baixos”, un plan para recuperar locais comerciais baleiros na Coruña