Saltar ao contido

Se a alcaldesa non bloquea a iniciativa, a Corporación pode declarar o vindeiro xoves, con efectos inmediatos, a suspensión cautelar do outorgamento de licenzas para incoar unha modificación do PXOM que regule o sector

Xan Xove: “Na Coruña temos 700 pisos turísticos, o dobre que antes da pandemia e moitos máis dos que se ofrecen en alugueiro para vivenda habitual. É un dos motivos polos que resulta imposible alugar”

O grupo municipal da Marea Atlántica vén de rexistrar unha proposición, ao abeiro do artigo 34.3 do Regulamento Orgánico Municipal (ROM), para ser debatida e votada no próximo Pleno, o 12 de xaneiro, destinada a implantar unha moratoria dun ano na autorización de pisos turísticos na Coruña. Non se trata dunha moción, senón dunha proposta executiva e con efectos inmediatos que, de aprobarse, permitiría frear a proliferación de vivendas de uso turístico na cidade mentres se desenvolve unha regulación específica para un sector que hoxe medra sen control.

“Regular os pisos turísticos é unha medida que foi pactada hai máis dun ano, no marco do acordo sobre políticas de vivenda, e que segue sen cumprirse. Por iso agardamos que Inés Rey respecte o pactado e non bloquee esta votación no Pleno”, explica o candidato da Marea Atlántica á alcaldía, Xan Xove. Engade que, segundo o rexistro da Xunta de Galicia, na Coruña existen unhas 700 vivendas de uso turístico, o dobre que antes da pandemia e 200 máis que das que pode atopar no mercado do aluguer quen busque unha vivenda habitual (para o que só hai unas 500 dispoñibles, segundo estima o Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña). “É un dos motivos polos que resulta imposible alugar nesta cidade”, conclúe Xove. 

 

Os concellos poden regular as vivendas turísticas

Como aclara a iniciativa que rexistramos, o Concello da Coruña ten competencias suficientes, a través da ordenación urbanística, para regular e poñer límites ás vivendas de uso turístico, algo que o PXOM, en vigor dende 2013, non fai. É algo que xa están a facer outros concellos co aval de múltiples sentenzas, tanto do Tribunal Supremo como, no caso que nos ocupa, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En María Pita só é preciso que a alcaldesa e o seu equipo teñan vontade política. 

O impacto das vivendas de uso turístico está amplamente documentado en diversas cidades, chegando a desertificar barrios enteiros. Na Coruña non estamos aínda neste nivel, pero a clave é actuar antes de o problema se volva realmente grave. O seu impacto xa se nota, entre outros factores, na suba dos alugueiros, que aumentaron un 42% nos últimos oito anos ata facer da Coruña a cidade máis cara de Galicia para alugar, algo que se está a converter na principal causa de exclusión social nestes momentos, segundo sinalan entidades como Cáritas ou a Cociña Económica.

Mesmo desde o propio sector turístico, no proxecto ReviTUR, impulsado por Exceltur en colaboración con varios gobernos locais, analiza o impacto en 20 cidades, A Coruña entre elas, e conclúe que os pisos turísticos detraen oferta do aluguer convencional, encarecen osprezos, desprazan poboación residente e deterioran as condicións de habitabilidade e a calidade da vida comunitaria.

Comezar a súa regulación e paralizar as licenzas de novos pisos turísticos durante un ano é sinxelo, como amosa a iniciativa da Marea Atlántica. É unha das dez medidas que propuxemos hai dúas semanas para abrir unha negociación orzamentaria, e das que o goberno local non cumpriu nin a primeira. Se Inés Rey quere coidar a súa credibilidade, debería permitir que a moratoria destes equipamentos sexa debatida e aprobada en Pleno.  

 

O ano rematou sen tocar os 9 millóns para medidas de vivenda

Así, mentres o problema de acceso a un fogar cada vez é mais grave para boa parte da veciñanza, os nove millóns de euros que o goberno local pactou coa Marea Atlántica en decembro de 2021 para medidas polo dereito á vivenda remataron o ano practicamente sen tocar. 

Ese acordo incluía iniciativas coma os 2 millóns de euros para a compra de vivenda mediante unha convocatoria pública, similar á que xa se aprobou para compra de locais comerciais no programa Mover os Baixos. Ou os 3,6 millóns para construír vivenda pública en réxime de aluguer, seguido o exemplo dos proxectos en Xuxán e Pontejos, postos en marcha polo goberno de Xulio Ferreiro.

Debía, ademais, renovarse a bolsa de vivendas en aluguer de EMVSA, en funcionamento desde o pasado mandato, para incrementar o número de persoas beneficiarias e ampliar o seu alcance, con especial atención á mocidade e maiores, máis alá das situacións de extrema vulnerabilidade.

O pacto engadía, igualmente, o aumento do 20% dos fondos destinados á rehabilitación de vivendas e edificios, especialmente nos barrios, a regulación dos pisos turísticos para evitar a súa proliferación sen control e o apoio a formas alternativas de promoción de vivenda, coma as cooperativas en cesión de uso. Nada disto foi posto en marcha nos trece meses que leva o acordo en vigor. O vindeiro Pleno é unha boa data para que o goberno local mude o rumbo e comece a preocuparse pola vivenda.

Rexistramos unha proposta executiva para aprobar no próximo Pleno unha moratoria dun ano na autorización de pisos turísticos na Coruña