Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

O festival de cómic da Coruña, dirixido por Miguel Anxo Prado, converteuse nunha referencia dentro do mundo da arte secuencial, pero precisa actualizar o seu formato e abrirse ao diálogo co sector

A Marea Atlántica saúda que ‘Viñetas desde o Atlántico’, o Festival Internacional do Cómic da Coruña, celebre este ano a súa 25º edición, convertido nunha referencia no mundo da arte secuencial, e quere aproveitar esta efeméride para facer un chamamento ao goberno local e ao equipo directivo do evento a repensar e modernizar o seu formato. 

Baixo a dirección de Miguelanxo Prado, autor recoñecido polo seu traballo, o Viñetas albergou exposicións dalgúns dos máis grandes nomes da banda deseñada. E tamén de artistas que se formaron na Coruña e agora teñen renome internacional, coma Emma Ríos e David Rubín, que este ano volven ter presenza no festival. A 25º edición traerá tamén a Juanjo Guarnido e Juan Díaz Canales, Fernando de Felipe, Pierre Alary, Alicia Jaraba, Mayte Alvarado…

Porén, tras dúas décadas e media co mesmo formato de exposicións, charlas maxistrais e postos de venta, é un bo momento para expandir o festival e adaptalo ás tendencias actuais. En toda a súa historia, as únicas modificacións significativas que tivo o Viñetas foi ampliar os seus espazos de exposicións e trasladar as casetas de editoriais e librarías ao interior de Méndez Núñez, na Rúa da BD. 

Diálogo co sector e novos enfoques

Para os vindeiros anos, sería positivo facilitar o diálogo e a participación activa do sector de profesionais da banda deseñada, en toda a súa pluralidade, incorporando as súas propostas. E estudar unha maior integración co Autobán, o festival de autoedición de cómic impulsado por autoras e autores locais, que este ano se celebra tamén na fin de semana do 13 ao 14 de agosto, pero dun xeito desconectado.

Tamén sería beneficioso abrir un espazo de diálogo entre artistas e editoriais, e explorar a relación coas novas tendencias e con outras aficións derivadas, coma o cosplay, moi presente noutros eventos coma o Saló del Cómic de Barcelona. E fomentar a cooperación co grupo Fancómic, que desde as Bibliotecas Municipais da Coruña está a facer unha excelente difusión da arte secuencial e a lectura.

A calidade do Viñetas está fora de dúbida, mesmo en novembro de 2021 recibiu o  Premio da Crítica Galega na modalidade de Iniciativas Científicas e Culturais. Pero consideramos que é necesario modernizar e ampliar o festival para que poida gozar con forza doutras 25 ou cen edicións máis. 

Cómpre modernizar ‘Viñetas desde o Atlántico’ tras celebrar o seu 25 aniversario