O noso grupo tamén defenderá iniciativas sobre o Dereito á Vivenda e a necesidade de máis medidas para garantir a conciliación durante o proceso de desescalada
O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno unha moción en defensa do emprego nas fábricas de aluminios de Alu Ibérica, na Coruña, e de Alcoa, en San Cibrao, ambas as dúas ameazadas de peche por dubidosas manobras empresariais. A factoría da Coruña, acaba de ser vendida de xeito opaco e irregular a unha empresa sen experiencia no sector, poñendo en risco 400 postos de traballo. E a da provincia de Lugo vén de coñecer o anuncio de peche por parte da empresa, o que significaría a perda de máis de 534 empregos.
Por iso, buscaremos o apoio da maioría da corporación para denunciar a situación e trasladarlle apoio aos cadros de persoal de ambos os dous centros. E tamén para lembrar que “a Xunta de Galicia como o Goberno do Estado subscribiron no seu día un compromiso de tutela cos traballadores de Alcoa para asegurar o mantemento o postos de traballo que estaban en risco daquela na Coruña, e hoxe tamén de novo. Un compromiso que contrasta coa súa actitude pasiva e ausente ante as sucesivas operacións de venda e cambio de mans”.
Dereito á vivenda e medidas de conciliación
A Marea Atlántica rexistrou outras dúas mocións para o seu debate na sesión plenaria deste xoves, centradas na situación que estamos a vivir durante a desescalada do estado de alarma: o Dereito á Vivenda e na necesidade de máis medidas de conciliación.
A primeira destas propostas afonda no problema para o acceso a unha vivenda digna que se está a dar en todo o Estado, e moi particularmente na Coruña, onde o prezo da vivenda se incrementou un 274% durante as dúas décadas do goberno de Francisco Vázquez e segue a medrar a día de hoxe. Tendo en conta que cando remate o estado de alarma rematará tamen a prohibición dos desafiuzamentos, nas vindeiras semanas podemos estar ante un problema moi grave que se debe combater con recursos públicos desde a Xunta, o Estado e o Concello.
Tamén lembramos que o dereito á vivenda foi un eixo fundamental dos acordos que asinamos co PSOE para o primeiro ano de mandato, con medidas como a bolsa de alugueiro social, que seguen pendentes de cumprir. Hai semanas que solicitamos que se reunira a Comisión de Urbanismo para discutir estes asuntos, pero a petición non foi escoitadas
Ademais, na última das nosas mocións, sinalamos que co peche dos centros de día, escolas e outras actividades, as familias van precisar apoio extra para poder reincorporarse ao seu posto de traballo sen desatender os coidados. E para iso, unha vez máis, son necesarios máis e mellore servizos públicos, polo que instamos a todas as institucións a actuar.