Saltar ao contido

Esiximos regulación dos prezos do alugueiro, control das vivendas baleiras, aumento dos fondos para vivenda pública e rehabilitación e medidas legais para combater a especulación en lugar de fomentala

“A vivenda converteuse nun valor para investir, en detrimento da súa función social”, sinala a nosa iniciativa

A Marea Atlántica defenderá no Pleno do Concello da Coruña, este xoves 5 de marzo, unha moción para reclamarlle aos gobernos municipal, autonómico e estatal un maior compromiso co dereito á vivenda e a posta en marcha de políticas de vivenda digna. É necesario darlle á volta á lexislación actual, que protexe os intereses das inmobiliarias antes que os da veciñanza. “A vivenda converteuse nin valor para investir, en detrimento da súa función social”, di a iniciativa.

Deste o eido municipal, urximos ao PSOE a poñer en marcha canto antes varias das medidas que se recollen nos nosos acordos, como a creación dun banco de alugueiro a través de EMVSA; a posta en marcha dun Observatorio de Vivenda para ter datos fiables e non filtrados polo sector, rematar as promocións de vivenda pública en San Nicolás, Panadeiras e o Ofimático, entre outras, incrementar os fondos destinados a rehabilitación e establecer unha moratoria de vivendas turísticas ao tempo que se traballa en modificacións urbanísticas para aliviar as zonas máis tensionadas.

No que respecta á Xunta de Galicia, solicitamos tamén un incremento dos fondos de rehabilitación e construción de vivenda pública, moi escasos especialmente na área da Coruña, e a modificar a lei para castigar as prácticas especulativas. E no caso do Estado, é necesario que clarifiquen concepto de vivenda baleira para penalizala fiscalmente a través do IBI, que regulen o prezo do alugueiro para frear o incremento de prezos e, de novo, que aumenten os fondos para rehabilitar e construír vivenda pública.

A maioría da xente da Coruña non pode mercar vivenda

Diante das recomendacións de non dedicarlle máis do 30% do salario á vivenda, as familias vense na obriga de destinar unha porcentaxe cada vez maior a garantir un teito sobre as súas cabezas. Segundo os datos do IGI, A vivenda de nova construción da cidade da Coruña supera maioritariamente os 150.000 €.

Unha maior construción non significa maior acceso á vivenda. Moitos destes pisos de obra nova quedan baleiros, como é o caso de máis de 20.000 na nosa área metropolitana. Poderían darlle casa a 60.000 persoas.

Os prezos non pararon de incrementarse, ás veces dun xeito obsceno. Durante as dúas décadas de goberno de Paco Vázquez, a vivenda encareceuse un 274%, mentres A Coruña perdía poboación. Hoxe en día, nos últimos nove meses, vimos como os pisos turísticos se incrementaron un 30%, tirando para arriba do prezo dos alugueiros.

“Neste contexto, España conta cunha das proporcións máis baixas de Europa de vivenda pública. A Coruña dispón unicamente de arredor de 409 vivendas municipais. A escasa atención que o Estado lle presta ás políticas de acceso á vivenda queda de manifesto con datos económicos: en España, o investimento público en vivenda equivale ao 0,11% do PIB, mentres que a media europea é do 0,57%, e en Francia chega ao 0,87%”, conclúe a nosa moción.

Un dereito en entredito 

Os datos deixan claro que o dereito á vivenda, recollido tanto na Constitución como na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, pero atópase en entredito en España polo desmesurado incremento dos prezos do alugueiro, as cadeas das hipotecas, o descontrol das vivendas baleiras e a desprotección cidadá. Por iso, reclamamos que as institucións públicas actúen para protexer un ben imprescindible para unha vida digna de ser vivida.

O marco legal, lonxe de contrarrestar esta tendencia, favorece ao sector financeiro e os grandes promotores, mentres que cada vez son máis as persoas non poden permitirse unha alternativa habitacional, asegura o texto da moción.

Tal e como foi sinalado na xornada Mercado vs Cidade, que a Marea Atlántica organizou a comezos de febreiro, “aínda estamos a sufrir as consecuencias dunha burbulla inmobiliaria que mudou a fisionomía das nosas cidades, encareceu o prezo da vivenda e rematou desencadeando unha crise que pagamos todos e todas a través do rescate bancario”.

No Pleno, reclamamos políticas de vivenda digna