Saltar ao contido


Levaremos a Pleno unha moción, que se debaterá o vindeiro xoves, para reclamar que se cumpra a última sentenza do Tribunal Supremo co cese inmediato da tránsfuga á que Inés Rey nomeu responsable de Deportes no seu goberno

De manter a Mónica Martínez no goberno, unha situación manifestamente irregular, a alcaldesa pode incorrer en responsabilidades de todo tipo 

O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno, este xoves 5 de novembro, unha moción para pedir que o Concello da Coruña renove o seu compromiso co Pacto Antitransfuguismo, o cese inmediato de Mónica Martínez como concelleira de Deportes do goberno local e a disolución do Grupo Mixto, entre outras cuestións.

En cumprimento da sentenza do Tribunal Supremo do 26 de outubro e da Lei de Bases de Réxime Local, Mónica Martínez, tránsfuga de Ciudadanos, ten a categoría de “concelleira non adscrita”, polo que non pode formar parte do Grupo Mixto nin aproveitar os seus recursos. A Secretaría Xeral do Pleno, no seu informe de 27 de outubro de 2020, confirma esta interpretación.

“Manter a actual situación, manifestamente irregular, podería supoñer que a Alcaldía incorrese en responsabilidades, e o Pleno da Corporación non pode permanecer tampouco alleo a unhas circunstancias que, máis alá do que puidesen determinar no seu día os órganos xudiciais, quer no contencioso, quer na vía penal, é claro que danan a imaxe pública do Concello da Coruña e a confianza da cidadanía nas súas institucións nun contexto de crise social, económica e de saúde pública no que ambas as dúas cousas son especialmente necesarias.”

Compromiso contra unha “patoloxía política”

O texto da moción lembra que o Pacto Antitransfuguismo foi asinado en 1998 por dezaséis forzas políticas, tres delas presentes na Corporación da Coruña: PSOE, PP e BNG, e posteriormente consolidado e ampliado, a última vez en 2006.

Xa desde o comezo deixou claro que o transfuguismo é unha “patoloxía política” que “falseaba a representación política” e “deterioraba os fundamentos do sistema”, afectando de maneira especialmente grave ás Corporacións Locais. E as formacións asinantes comprometíanse a “non aceptar nos seus equipos de goberno municipal a membros da Corporación que se converteron en tránsfugas con respecto aos seus grupos de procedencia”. 

En 2000, na primeira actualización do Pacto, aclarábase que as mocións de censura constituían, sen dúbida, “a manifestación máis grave deste fenómeno”, pero en ningún caso a única.

Compromiso co Pacto Antitransfuguismo no Concello da Coruña